Publicador de contidos

O Sergas dá por controlados os gromos de Covid vinculados a viaxes ao Mediterráneo

O Sergas dá por controlados os gromos de Covid vinculados a viaxes ao Mediterráneo

G24.gal 06/11/2021 10:31

Sanidade da por controlados os gromos vinculados a viaxes ao Mediterráneo, segundo explicaba o xerente do Sergas nunha entrevista este sábado na Radio Galega. José Flores salienta que, pese á repunta de casos nos últimos días, a incidencia en Galicia segue a ser inferior á do resto de España.

"Hai unha pequena repunta, pero temos a tranquilidade de que a ocupación hospitalaria segue estable"

José Flores tamén explicou que a xerencia da área sanitaria de Pontevedra está buscando espazos alternativos para a administración de doses de reforzo a maiores de entre 70 e 79 anos e os cidadáns que recibiran a monodose de Janssen dado que os grandes recintos utilizados na primeira fase da campaña de inmunización están agora ocupados. Entre as posibilidades que se valoran, sinala zonas sanitarias como o hospital.

O xerente do Sergas tamén aseguraba na Radio Galega que ve marxe para o acordo cos sindicatos para a posta en marcha da nova categoría de facultativo especialista en atención primaria. Subliña que é unha medida "extraordinaria" e "transitoria" para a cobertura urxente de vacantes e explica que se optou por un acceso por concurso sen oposición para "axilizar o proceso":

"Se nos imos a unha OPE teriamos que falar dun mínimo dun ano, ano e medio. Iso atrasaría moito a posta en marcha desta medida"

Flores confirma que en principio se cubrirían con esta fórmula 55 vacantes. Con todo, precisa que as prazas que se xeren por xubilación durante este proceso de transición tamén se ofertarían da mesma maneira.

Ademais, o xerente do Sergas valora as primeiras semanas da proba piloto en dous centros de saúde do novo sistema que se está probando para que cando alguén pida cita o persoal administrativo lle pregunte o motivo da consulta e o dirixa ó profesional máis axeitado. Di que hai "boa recepción por parte dos profesionais e tamén dos usuarios".

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade