Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Senado aproba de xeito definitivo os orzamentos do Estado para 2023

O Senado aproba de xeito definitivo os orzamentos do Estado para 2023

Ao non haber emendas, queda aprobado sen necesidade de volver ao Congreso

Inclúen unha suba das pensións do 8,5 %, a gratuidade do Cercanías ou a rebaixa do IRPF para as rendas baixas

A ministra de Facenda celebra a aprobación porque vai permitir "superar as dificultades do escenario internacional"

G24.gal 20/12/2022 20:37 Última actualización 20/12/2022 21:07

O pleno do Senado aprobou este martes de xeito definitivo a Lei de orzamentos xerais do Estado para 2023, que inclúe unha suba das pensións do 8,5 %, a gratuidade do Cercanías ou a rebaixa do IRPF para as rendas baixas.

O Pleno da cámara alta aprobou a lei sen incluir ningunha emenda, co que o orzamento queda aprobado sen necesidade de voltar ao Congreso. 

Son os terceiros orzamentos do Goberno de coalición e, previsiblemente, tamén os últimos, xa que o calendario de tramitación dunhas eventuais contas de 2024 cadraría coa disolución das Cortes e coa campaña electoral.

Os orzamentos contaron co apoio de PSOE, Unidas Podemos, PNV, EH Bildu, PDeCAT, Coalición Canaria, Más País, Compromís e PRC, aos que se uniron no Senado Més per Mallorca, PAR e a Agrupación Socialista Gomera.

Outras medidas incluídas son a dotación de 28.692 millóns para proxectos asociados ao plan de recuperación ou a prórroga do bono de alugueiro para mozos.

Na parte dos ingresos, as contas recollen unha rebaixa do IRPF para rendas baixas, unha suba das rendas do capital para rendas altas, unha rebaixa do imposto de sociedades para micropymes ou a baixada do IVE para produtos de hixiene íntima feminina.

Montero celebra a aprobación 

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, celebra a aprobación dunhas contas que van permitir "superar as dificultades do escenario internacional", así como fortalecer os servizos públicos e o tecido produtivo, ao tempo que agradeceu o apoio a todos os grupos por primar o "consenso".

Nun pleno atravesado pola decisión do Tribunal Constitucional de suspender as dúas emendas que ían modificar o poder xudicial, o debate transcorrido con moderación e pechou coa intervención da senadora socialista Eva Granados, quen valorou que as contas dan "estabilidade e certeza".
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade