En Sanxenxo agardan que a visita de Xoán Carlos I atraia máis visitantes no verán
Segundo os hostaleiros, esta fin de semana superáronse todas as previsións de visitantes
Esperan que as boas cifras de ocupación continúen no verán
A expectación era máxima pola visita do rei emérito e segundo os empresarios do sector turístico de Sanxenxo, esta fin de semana superáronse todas as previsións.
"Estamos abrumados pola cantidade de xente, e mediaticamente para Sanxenxo e para o sector turístico esta publicidade é impagable, non teriamos cartos para poder afrontar unha campaña así. Para nós é moi importante e estamos moi satisfeitos", destaca Alfonso Martínez, presidente do Consorcio de Turismo de Sanxenxo
Desde o Consorcio de Turismo destacan que esta visita tivo un importante impacto nos niveis de ocupación e esperan que ese impacto no concello continúe a medio e longo prazo.
"Se ademais do tema da regata que trae a moita xente lle sumamos a visita do rei pois foi a tormenta perfecta para ter unha fin de semana de moitísima ocupación. Moitos hoteis colgaron o cartel de completo. E iso dá ambiente para os bares, cafeterías, restaurantes, para o comercio", di Alfonso Martínez, presidente do Consorcio de Turismo de Sanxenxo
Os hostaleiros cren que a repercusión mediática, a nivel nacional e internacional, será un aliciente para que os turistas visiten Sanxenxo este verán, época que xa se presentaba con moi boas expectativas.
"Xa antes da Semana Santa estábanse facendo moitísimas reservas e estamos nun ritmo de reservas de cara ao verán que incluso nalgunhas datas de agosto algúns hoteis xa están completos. Estamos convencidos de que vai ser un bo verán, o pasado xa non foi mal, pero este vai ser moitísimo mellor", asegura Alfonso Martínez, presidente do Consorcio de Turismo de Sanxenxo