Publicador de contidos

Publicador de contidos

O sector pesqueiro pide axudas para compensar a suba de prezos do gasóleo

O sector pesqueiro pide axudas para compensar a suba de prezos do gasóleo

Calculan que a guerra de Irán inflou un 60 % os prezos do combustible

G24.gal 11/03/2026 14:37

Os das lanchas do día que chegan repostar no porto de Ribeira din que, dende que comezou a guerra en Irán, cada día é unha sorpresa.

"Nós gastamos ao día arredor de 60 litros de gasóleo, fixémolo a semana pasada a 0,54 euros, agora estamos botando a 0,87 e onte estaba a 1,09 euros o litro", di Xosé Miralles, patrón do Samuelito.

E a situación agrávase cos que gastan cousa de mil litros de gasóleo ao día, como os arrastreiros. 

"A arte que máis comprometida se vai ver é o arrastre, polo consumo de combustible que ten", explica o voceiro da Asociación de armadores de Ribeira, Ramón Sampedro.

Polos datos que manexan na asociación, calculan que o gasóleo encareceu un 60 % respecto do mes de xaneiro, así que para eses barcos do arrastre, é "un incremento aproximado duns 1.000 euros por día", di Sampedro. 

Chove, ademais, sobre mollado.

"Levamos tres meses parados polo mal tempo, non se puido traballar fóra das rías", explica José Antonio Pérez Sieira, presidente da Federación galega de Confrarías. "E estamos tendo un dos peores anos en canto á repartición de cotas, non temos case nada, xa non se pode pescar polas reducións que nos fixeron -engade-. A pesca artesanal, o pouco que podía pescar agora para sacar un pouco de beneficio, con este incremento dos combustibles case non o fai rendible".

Por riba dun euro o litro ven comprometida a actividade, se non son capaces de repercutir a suba no peixe. 

"Isto é unha cuestión de gastos e ingresos, pero cuns ingresos como os de 2025, sería desastroso para a frota", afirma Ramón Sampedro.

Temen que a situación global empeore, e piden medidas urxentes de axuda.

"O que pedimos é que se nos palíe. Levamos dúas ou tres semanas ao dobre de prezo do que estaba antes, iso son moitos impostos acumulados, así que pedimos medidas, que se nos baixe o IVE, que baixen os impostos, para que podamos seguir traballando e producindo", di Pérez Sieira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade