O sector pesqueiro galego promove un manifesto en defensa da súa actividade
Trinta organizacións do sector e a Consellería do Mar asinan para pedirlle a Bruxelas que revise a política pesqueira común
Piden que se retire a proposta de pechar 94 áreas á pesca de fondo
Máis de 30 organizacións do sector promoven un manifesto de apoio da pesca, do marisqueo, a acuicultura e a cadea mar-industria europeas. Fano -din- porque ven con preocupación que non se defendan estas actividades dende Bruxelas.
O detonante foi a decisión da Comisión de avanzar no peche de 94 áreas á pesca de fondo.
"É unha decisión que pon en grave risco a todo o sector pesqueiro da UE" afirma Rosa Quintana, conselleira do Mar.
"Para Galicia sería un fiasco total", di Quintana, que sinala as frotas do Gran Sol e do litoral como as máis afectadas se o peche vai adiante.
Piden que se retire da mesa esa proposta. Denuncian que non se basea en evidencias científicas, e que non foi consensuada co sector.
"Hai que contar co sector á hora de tomar estas decisións", din dende a cooperativa de armadores de Ribeira. Cren que "non se pode sacrificar a pesca" sen ter datos obxectivos que avalen unha medida tan drástica.
No manifesto lamentan que a política ambiental se impoña sobre a pesqueira, e piden unha revisión das posicións comunitarias.
"Europa debe ser valente e dicir dunha vez se quere que a pesca extractiva desapareza", di Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías.
Máis de 30 organizacións do sector sumáronse a este manifesto, e agora buscarán adhesións no resto de comunidades autónomas e de rexións europeas con intereses pesqueiros.