O sector inmobiliario cre que a Lei de vivenda reducirá o mercado do alugueiro
Pídenlle á Xunta de Galicia que recorra a lei ante o Tribunal Constitucional porque din que invade as competencias autonómicas
As inmobiliarias botan contas do parque de vivendas de Galicia. Son máis dun millón e medio de inmobles, parte deles en mans de galegos na emigración.
"Se esa vivenda está desocupada pode penalizarse cun recargo do 150 % no IBI", di Benito Iglesias, presidente da Federación Galega de Inmobiliarias.
Cren que as medidas deberían enfocarse a incentivar o alugueiro. "Nós cremos que sempre será mellor beneficios fiscais ou apoio xurídico", sostén Isabel Cotelo, axente inmobiliaria na Coruña.
Din que a lei vai reducir a oferta de vivenda porque moitos propietarios van optar por sacar a súa propiedade do mercado.
"Nunca houbo unha inxerencia deste tipo. Dicirlle a unha persoa que non pode vender a súa vivenda ou si que a pode alugar a un prezo regulado. Eu penso que non", mantén o responsable da Federación Galega de Inmobiliarias.
O Goberno defende as medidas e pide tempo para ver os efectos da lei. "Una lei que non vai en contra de ninguén. Que favorece a todos, aos inquilinos e aos pequenos propietarios", afirma Raquel Sánchez, ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
A Xunta de Galicia considera que a lei se fixo de costas ás comunidades e pídelle ao Goberno que dea explicacións.
"Esiximos unha conferencia sectorial porque canto máis afondamos na lei, máis nos preocupa. O que hai que facer é ser proactivos como está a facer a Xunta de Galicia, O que non se pode facer é sacar unha lei sen contar coas comunidades", asegura Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
As inmobiliarias galegas reclaman que se recorra a lei ante o Tribunal Constitucional.