O reloxo da torre do Concello de Lugo volve dar a hora
Levaba tres anos parado por unha avaría, agora puxérono en hora e o reto é restauralo
O reloxo, de orixe inglesa, ten 150 anos e conta cun mecanismo complexo de alta precisión e quedan poucos reloxeiros que saiban arranxalo
Na rúa a maioría dos veciños aínda non se dera conta, tras tres anos parado, o reloxo da torre do Concello de Lugo volve dar a hora.
"Xa non mirabamos para el, pero xa volveremos mirar", di unha muller, e outra sorprendida comenta: "Que milagre haber canto dura, porque o arranxan e volven estragalo"
O reloxo de orixe inglesa é dos poucos que quedan na súa época, suma 150 anos, é todo un referente na cidade.
"Hai xente que de toda a vida tiña ese hábito de mirar para o reloxo", explica un home.
Mandárase fabricar porque o da catedral non era moi fiable, sempre ía adiantado, contan as actas municipais da época.
"Cambiaron as tornas, agora o que fallaba era o do Concello", comenta un veciño.
Hai poucos profesionais especializados no seu mecanismo de alta precisión. Foi o reloxeiro David Rodríguez quen lle devolveu a vida.
"O reloxo é coma a muralla, un símbolo do patrimonio da cidade", di un home.
Agora puxérono a andar, pero o reto é restauralo e protexer o seu mecanismo orixinal e que dure outros 150 anos máis.