Publicador de contidos

Publicador de contidos

O rei Xoán Carlos chega esta tarde a Vigo en voo directo desde Abu Dhabi

O rei Xoán Carlos chega esta tarde a Vigo en voo directo desde Abu Dhabi

G24.gal 19/05/2022 12:18 Última actualización 19/05/2022 14:55

O rei Xoán Carlos I chegará esta tarde ao aeroporto de Peinador, e desde alí trasladarase en coche á localidade de Sanxenxo, onde ten previsto permanecer ata o luns 23, cando se desprazará a Madrid para reunirse no Palacio da Zarzuela con Filipe VI, a raíña Sofía e os demais membros da súa familia antes de volver a Abu Dhabi.

O avión privado, matriculado en Aruba co distintivo de P4-BFL, ten previsto aterrar no aeroporto vigués pasadas as seis da tarde, despois de case oito horas de voo.

En Peinador, o rei será recibido polo seu amigo Pedro Campos, co que viaxará en coche ata Sanxenxo para participar esta fin de semana no trofeo InterRías do circuíto Copa España 2022 de clase 6 mR.

Ilusionado e con moitas ganas de volver a unha das súas paixóns, a vela. Así describe o seu círculo máis próximo como se sente o monarca que chegará nunhas horas a Sanxenxo. Tamén se espera a chegada da infanta Helena que xa o acompañou en distintas ocasións nas súas visitas a Sanxenxo. 

A regata é a última proba preparatoria para o Campionato do Mundo da clase 6 mR, que se celebrará entre os días 10 e 19 de xuño en augas da ría de Pontevedra, con Sanxenxo como porto basee, e no que o barco do rei, o Bribón, defende o título conseguido en 2019.

Xoán Carlos decidirá mañá se participa na regata que organiza o Real Club Náutico, aínda que está en boa forma hai tempo que non navega.Antes de decidir se finalmente navegará, acudirá ao acto de benvida que terá lugar no Náutico e ao que asistirán distintas autoridades. 

Sanxenxo está no centro de todas as miradas. O municipio ultima os preparativos para ter todo a punto á chegada do rei. Ao evento deportivo que atrae cada ano milleiros de persoas súmase a grande expectación pola visita do rei.

Os hoteis da vila e arredores están completos, tamén a hostalería e os comerciantes prepáranse para unha inxección económica.

A súa relación con Sanxenxo é histórica pero intensificouse desde o 2015, cando tras varias operacións volveu atoparse co mar. Desde entón as súas visitas foron máis frecuentes e sempre da man do seu amigo Pedro Campos.

Con Sanxenxo ten un idilio e mesmo nalgunha ocasión se animou co galego. Foi aquí onde o rei pasou algunhas horas do seu último día en España, e agora volve elixir este destino para o seu primeiro día no país tras case dous anos.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade