O príncipe Henrique e Meghan Markle planean regresar ao Reino Unido seis anos despois do 'Megxit'
Os duques de Sussex instalaríanse nos arredores de Londres cos seus dous fillos, aínda que non recuperarían as súas funcións como membros activos
O príncipe Henrique e a súa esposa, Meghan Markle, planean volver residir no Reino Unido a finais de este mes, seis anos despois de abandonar o país e instalarse en California.
Segundo medios británicos como The Sun ou The Telegraph, os duques de Sussex trasladaríanse a unha residencia privada nos arredores de Londres e os seus dous fillos, Archie e Lilibet, estarían matriculados nun colexio londiniense. A familia mantería tamén a súa residencia de Montecito, en California.
O regreso non implicaría, polo momento, a recuperación das súas funcións como membros activos da familia real. Henrique e Meghan continuarán como particulares, despois de renunciar ás súas obrigas institucionais en 2020 para buscar a súa independencia económica.
A decisión prodúcese fai pouco máis dun mes despois da viaxe de Henrique a Londres para reecontrarse co seu pai, o rei Carlos III.
Seis anos marcados pola polémica
A saída da parella da Casa Real, coñecida como 'Megxit', produciuse no 2020, cando os duques se trasladaron aos EUA. Dende entón protagonizaron varias polémicas arredor da familia británica.
Entre elas destaca a entrevista concedida a Oprah Winfrey, na que Meghan denunciou comentarios racistas dentro da familia real e Henrique falou das súas difíciles relacións cos seus familiares.
Nos últimos anos os duques centraron a súa actividade profesional nos EUA e asinaron importantes acordos comerciais, entre eles un contrato con Netflix para producir contidos a través da súa produtora Archewell Productions.