Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pedro Campos: "Falamos onte e ten moita ilusión de volver a España, e a Galicia"

Pedro Campos: "Falamos onte e ten moita ilusión de volver a España, e a Galicia"

O presidente do Club Náutico de Sanxenxo falou este mércores co rei Xoán Carlos, quen lle dixo "que se sente moi ben, que baixou de peso e que fai moita ximnasia. Pero tamén di que está moi desadestrado"

"Están sendo uns días moi acelerados e con moita actividade coa que non contábamos", explica Pedro Campos, quen vai acoller na súa casa o monarca honorífico

G24.gal 19/05/2022 10:38

Pedro Campos, presidente do Club Náutico de Sanxenxo, será quen acolla na súa casa o rei Xoán Carlos na súa visita a Sanxenxo que inicia este xoves á noite. "O que nos dixeron é que chegaría hoxe á última hora da tarde e que nos avisarían dúas horas antes para poder recibilo", explicaba esta mañá nunha entrevista no Bos días.

A intención de Pedro Campos é estar no aeroporto de Peinador, en Vigo, no momento en que chegue o monarca honorífico procedente de Abu Dhabi. "É o máis probable, non sempre é así. Moitas veces imos recollelo e outras veces vén pola súa conta ou cos de seguridade. Pero hoxe se é posible estaremos alí para recibilo", afirmaba.

Di o presidente do Náutico de Sanxenxo que soubo da intención de Xoán Carlos de visitar Sanxenxo "como todos, o luns pasado cando o dixo Fernando Ónega".

"Ao longo dos últimos meses, había moitos dixomedíxomes, cada vez que había regata aquí en Sanxenxo dicíase que ía vir, que non ía vir", relata Pedro Campos. "Esta vez a cousa soou máis seria, e pouco despois confirmáronnolo, ata que onte a Casa Real enviou o comunicado cos detalles".

O presidente do Club Náutico desvelou que onte mesmo falou co ex-xefe do Estado Español: "Ten moita ilusión de volver a España, e a Galicia. E tamén de volver navegar, un deporte que tanto lle gusta. E el aquí séntese moi a gusto, moi cómodo".

Sobre os detalles desa conversa con Xoán Carlos I, Pedro Campos explicou que lle dixo "que se sente moi ben, que baixou de peso e que fai moita ximnasia. Pero tamén di que está moi desadestrado [no relativo ao deporte da vela], e a decisión final de navegar tomarase mañá".

Esa determinación tamén vai estar condicionada polo tempo que vaia facer, "cando vexamos o parte meteorolóxico. Hoxe está un día de calma total, pero para mañá dan vento do norte de 13 ou 14 nós, e a decisión final vaina tomar el mañá. Estes barcos son pequenos e estreitos e moi sensibles ao vento e ás ondas e pode pasar de ser unha regata tranquila a ser complicada", explica Campos.

O que non está previsto é unha recepción especial. O presidente do Náutico di que se agarda que sexa como adoita ser cada vez que Xoán Carlos visitaba Sanxenxo en ocasións anteriores: "El sempre que vén unha fin de semana, cando chega ao club o alcalde dálle a benvida, e despois entra, saúda os amigos, hai reunión de patróns e unha hora e media antes da regata sáese ao mar e tómase a decisión última da tripulación, de quen vai e quen non". 

Pedro Campos recoñece o orgullo para el e para o seu club desta estandía de Xoán Carlos I: "Como a visita levantou moitísima expectación, hai máis xente do habitual, sobre todo moitos medios de comunicación, e nós como Club Náutico e a nosa vila, Sanxenxo, que o falaba co alcalde, estamos encantados que inicie aquí a visita a España, na nosa vila e cun deporte co que ten tanta vinculación como é a vela".

Con todo, recoñece que é todo máis complicado que noutras visitas anteriores a que o monarca honorífico decidise abandonar España e establecerse en Abu Dhabi, tras as investigacións abertas sobre o seu patrimonio.

"Un pouco de lea si, porque dentro dun mes temos aquí o Campionato do Mundo, do 10 ao 18 de xuño, e isto non o previamos. É moita actividade a que se xuntou coa frota de barcos, sobre todo estranxeiros, van saír moitos esta fin de semana, e animo os afeccionados a que veñan a velos, Pero tamén suscita problemas de loxística. Están sendo uns días moi acelerados e con moita actividade coa que non contábamos", afirma Pedro Campos.

De todos os xeitos, cando se inicie a competición de vela xa todo quedará atrás porque no campo de regatas o único que importa é o deporte: "O mar é un sitio moi seguro e moi tranquilo. Haberá algunha patrulleira da Garda Civil, iso si, pero xa os responsables da seguridade terán todo previsto", conclúe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar