Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno cre que Xoán Carlos I debería dar explicacións

O Goberno cre que Xoán Carlos I debería dar explicacións

O PP considera que a postura de PSOE e UP "debilita" as institucións do Estado

O lehendakari Urkullu pide que se revise a inviolabilidade do rei

G24.gal 19/05/2022 15:04

Como partido, o PSOE evita pronunciarse sobre a visita de don Xoán Carlos a España porque consideran que é "unha decisión persoal". A vicesecretaria xeral do partido, Adriana Lastra, asegura que respectan "calquera decisión que tome a Casa Real".

Pero como Goberno, os socialistas cren que don Xoán Carlos debería dar explicacións polas "informacións moi inquietantes" que se publicaron nos últimos anos. Para a vicepresidenta primeira e ministra de Economía, Nadia Calviño, o monarca "tería que dar explicacións, sen dúbida".

Alíñanse así co seu socio de coalición. A Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, dálle "igual onde estea o rei" pero cre que "unha democracia como a española merece unha explicación do que fixo".

Dende o PP critican a postura do Goberno. Segundo a secretaria xeral do partido, Cuca Gamarra, "todo o que fan debilita as estruturas e institucións do noso Estado" e dálle "a benvida ao rei emérito ao seu país, porque España é o seu país".

Tamén escoitamos a opinión de varios dirixentes autonómicos. A pesar de que todas as investigacións sobre as súas finanzas quedaron arquivadas, o presidente valenciano e o cántabro séntense decepcionados. Para Ximo Puig, Presidente da Comunidade Valenciana, "non é motivo de orgullo e satisfacción o que fixo o rei emérito". A Miguel Ángel Revilla, presidente de Cantabria, teríalle gustado que chegara "repatriando todo o diñeiro que ten fóra".

Pola súa parte, o lehendakari vasco Iñigo Urkullu cre que "sería necesaria unha republicanización da monarquía no sentido de que ninguén puidera gozar de inviolabilidade".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade