O Real Madrid racha a súa mala xeira na casa do Olympiakos (3-4)
Mbappe anota catro goles e evita afondar na crise do equipo branco
Debilidade defensiva dos de Xabi Alonso que remataron sufrindo ante o acoso heleno
O Real Madrid escapa da súa particular crise de resultados despois de vencer en Atenas ó Olympiakos nun partido marcado polo acerto goleador de Kylian Mbappe. O dianteiro francés anotou catro goles e guiou ó equipo de Xabi Alonso cara a vitoria. A destacar tamén o partido de Vinicius que non marcou pero desequilibrou a balanza en favor dos madrileños coas súas xogadas individuais.
E iso que o partido non comezou ben para os intereses madrileños que encaixaron un gol de Chiquinho despois dunha mala xogada defensiva. Pero Mbappe en sete minutos máxicos dáballe a volta o partido anotando o hat trick máis rápido da historia da Liga de Campións. Antes do descanso Vinicius veía como se lle anulaba un gol por fóra de xogo previo de Mbappe no inicio da xogada.
Pero o equipo de Mendilibar non se rendeu e no inicio da segunda metade volvía a meterse no choque tras un gran remate de cabeza do iraní Taremi. Pero pouco durou o amago de remontada xa que poucos minutos despois chegaba o cuarto de Mbappe tras unha gran xogada de Vinicius na banda esquerda. Pero non sería o gol da tranquilidade porque El Kaabi de cabeza volvería a marcar para os gregos aproveitándose da febleza defensiva dos de Xabi Alonso. De aí ó final sufrimento madridista para facerse cunha vitoria coa que encarrilan o seu pase para a seguinte rolda entre os oito mellores equipos da liga.