O Real Madrid comparecerá no caso Negreira tras a denuncia da Fiscalía
Florentino Pérez convoca unha xunta directiva extraordinaria “ante a gravidade das acusacións formuladas”

O Real Madrid vai intentar comparecer como acusación particular no caso Negreira, unha vez coñececido o contido da denuncia da Fiscalía nos xulgados de Barcelona, conforme indican desde o club madrileño.
Florentino Pérez, presidente do Real Madrid, convocou "con carácter urxente", este domingo, a xunta directiva do club tras coñecerse o venres que a Fiscalía denunciou o Barcelona, a Josep Maria Bartomeu e a Sandro Rosell, expresidentes do club, polo caso Negreira.
"Ante a gravidade das acusacións formuladas pola Fiscalía de Barcelona contra o F. C. Barcelona e dous dos seus presidentes polas sospeitas fundadas de corrupción e as súas relacións con quen fora o vicepresidente do Comité Técnico de Árbitros, José María Enríquez Negreira, o presidente, convocou con carácter urxente a xunta directiva mañá domingo 12 de marzo de 2023 ás 12:00 horas", asegura o comunicado do Real Madrid na súa páxina web.
A fin desta convocatoria é "decidir as accións que o Real Madrid estime oportunas en relación a este asunto".
O caso Negreira que deu un paso máis o venres despois de que a Fiscalía denunciara nun xulgado o F. C. Barcelona e os seus expresidentes Josep Maria Bartomeu e Sandro Rosell polos supostos pagamentos millonarios ao exdirixente arbitral José María Enríquez Negreira, polos delitos de corrupción entre particulares, administración desleal e falsidade documental.
A denuncia é froito das investigacións que a Fiscalía de Barcelona mantén abertas desde hai preto dun ano polos supostos pagos a Negreira, que a través dunha empresa recibiría case sete millóns de euros do Barça por suposto asesoramento verbal ao club.