O Real Madrid expresa a súa indignación cos árbitros e sube a temperatura da final de Copa
O club branco amosou o seu malestar pola conferencia de prensa que realizaron os colexiados e non compareceron na previa da final nin fixeron o adestramento na Cartuja
A final da Copa do Rei quentouse dun xeito insospeitado a 24 horas do inicio do encontro. A conferencia de prensa que realizaron os colexiados foi a pinga que fixo rebordar o vaso no Real Madrid. O club branco amosou o seu malestar e decidiu non aparecer á conferencia de prensa previa á disputa da final nin tampouco realizou o adestramento que tiña previsto ás 20:00 horas do venres no estadio da Cartuja. Tampouco haberá o habitual posado de adestradores e capitáns dos dous equipos porque Ancelotti e Modric non compareceron.
O Real Madrid aterrou en Sevilla ás 15:30 da tarde tal e como tiña previsto. Nun principio ía proceder con normalidade ata que chegaron a oídos do club os comentarios que fixeron os colexiados.
🛬 ¡Ya estamos en Sevilla! pic.twitter.com/DV8gPPqHVT
— Real Madrid C.F. (@realmadrid) April 25, 2025

O Real Madrid deu a entender que González Fuertes non pode estar na sala VAR despois de falar sobre os vídeos de Real Madrid TV sobre algúns compañeiros: "Responsables de redes oficiais de clubs atacando o noso colectivo, comunicados dando pé a pensar que non somos legais nas nosas decisións. Esa frustración que xeras no afeccionado acábana pagando co neno ou a nena que collen un chifro e teñen que asubiar un partido de infantís. É a consecuencia de poñer a diana na cabeza dun compañeiro", asegurou González Fuertes en clara referencia ás críticas que se fai ao colectivo arbitral despois de varias decisións que o Real Madrid entendeu como prexudiciais.
Comunicado do Real Madrid
O Real Madrid C. F. considera inadmisibles as manifestacións públicas realizadas hoxe polos árbitros designados para a Final da Copa do Rei que se celebra o 26 de abril de 2025. Estas manifestacións, que puxeron o foco de xeito sorprendente contra os vídeos dun medio de comunicación amparado na liberdade de expresión, como é Real Madrid TV, realizadas de maneira premeditada 24 horas antes contra un dos participantes da final, demostran a clara animadversión e hostilidade destes árbitros contra o Real Madrid. Diante da gravidade do acontecido, o Real Madrid agarda que os responsables da RFEF e do estamento arbitral adopten as medidas correspondentes en defensa do prestixio das institucións que representan.