Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Rácing perde co Córdoba no 91 e complica as contas da permanencia

O Rácing perde co Córdoba no 91 e complica as contas da permanencia

Jacobo González marcou o gol do quinto triunfo visitante consecutivo dos andaluces

O Rácing quedou con 10 no minuto 60' por vermello directo a Buñuel

G24.gal 22/02/2025 15:59

O Rácing volveu perder na Malata. Foi nun partido contra un Córdoba intratable a domicilio, e nun partido que foi igualado ata que, no minuto 60, o equipo ferrolán quedou con 10 por expulsión de Buñuel. Aguantaron os de Menéndez, pero acabaron concedendo un gol solitario que os afunde na táboa. O Córdoba foise facendo aos poucos co control do partido, pisando a área con perigo. Casas deu o susto aos 9 minutos, pero estaba en fóra de xogo. No 17, Jesús Ruiz despexou ao pau outro remate de Casas para evitar o primeiro. E, xusto a seguir, mancouse Cabaco e deixoulle o sitio a Puric. E a balón parado tamén inquietaban os andaluces. Jesús Ruiz detivo unha cabezada de Rubén Alves.

O Rácing intentaba crear perigo con internadas pola banda esquerda, como unha de Señé á media hora que remataba Jáuregui. O balón acababa en córner. E, pola dereita, o balón caeulle a Raúl Blanco xa no treito final. O seu remate marchou ao lateral da rede.

Pero o Córdoba seguía avisando por medio do omnipresente Casas, que voleou desde a frontal da área lixeiramente desviado.

Na segunda metade, o guión do partido alterouse no minuto 60, cando o árbitro expulsou a Buñuel por unha entrada pegada á banda, tamén sobre Casas. Quedaba con 10 o Rácing, con media hora por xogar. No saque da falta, estivo a piques de chegar o primeiro tanto, cun pase de Mendes ao que non chegou Rubén Alves. Despexou Insúa a córner. En inferioridade, o Rácing non se descompuxo, e seguiu sen sufrir en exceso, co Córdoba asomando timidamente á área de Jesús Ruiz. Aínda así, Jacobo González aproveitou un balón no bordo da área para rematar ao traveseiro ferrolán.

Pero os ferroláns precisan os puntos de xeito imperioso, asía que non renunciaron ás súas opcións, especialmente a balón parado. Unha falta de Heber Pena envelenouse e estivo a piques de acabar na rede. Pero era un partido de ida e volta, cos dous equipos buscando a vitoria, e volveu aparecer Jesús Ruiz para despexar un remate de Álex Sala.

Non puido o porteiro evitar o tanto visitante. Chegou xa no tempo engadido, no minuto 91, cun centro cara á frontal para que Jacobo González marcara cunha volea. O Córdoba aseguraba a quinta vitoria consecutiva loxe do Arcángel. Para o Rácing, que aínda tivo opcións de empatar, e pediu penalti sobre Héber na última xogada, a derrota é un novo paso atrás nas aspiracións de acadar a permanencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade