Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Racing golea ao Sanse na Malata (3-0) e recupera as boas sensacións

O Racing golea ao Sanse na Malata (3-0) e recupera as boas sensacións

Álex López, Heber Pena e Manu Justo concretaron as numerosas ocasións dos ferroláns

Carlos Vicente participou nos tres goles e completou un partido espectacular

Foto: @racingferrolsad
G24.gal 15/01/2023 19:33

Duelo de urxencias na Malata. O Racing, que levaba tres derrotas consecutivas, recibía un San Sebastián de los Reyes que perdera nas cinco anteriores xornadas. Agora son seis, logo dun partido en que o equipo ferrolán foi moi superior e recuperou as boas sensacións perdidas.

Os de Cristóbal saíron decididos desde o inicio a non pasar apuros. O gardameta visitante Pedro López tivo traballo. Resolveu ben na primeira ocasión de Joselu. E fixo o que puido na acción do primeiro gol do encontro. Minuto 27, roubo de Álex lópez, combinación con Carlos Vicente, e o disparo deste, rexeitado polo porteiro, favoreceu o iniciador da xogada. Álex López inauguraba o marcador.

Ante un rival moi inofensivo, o único debe dos galegos foi a tardanza en sentenciar o choque. Múltiples ocasións desperdiciadas e a incerteza do un a cero que durou demasiado tempo. Iso si, os visitantes non inquietaban a Gazzaniga. Así, o Racing tirou de Carlos Vicente para resolver o compromiso.

No minuto 67, balón en profundidade para o extremo aragonés, quen asistiu a Joselu. O seu disparo ao pau foi rematado finalmente por Héber Pena para facer un dous a cero que reflectía moito mellor o que estaba a suceder sobre o céspede. E a xogada do tres a cero foi un calco da anterior. Outra vez a velocidade de Carlos Vicente foi determinante para aproveitar un envío desde a defensa e asistir, neste caso, a Manu Justo.

O Racing mantén así o seu posto de playoff, nun bo día do equipo ferrolán e especialmente dun Carlos Vicente que recibiu o premio da ovación dos seareiros presentes na Malata cando foi substituído a pouco do final. Os de Cristóbal acaban ben a primeira volta da competición.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade