O Rácing estrélase diante do poderío defensivo do Nástic
Un solitario gol marcado por Nil chegoulle ao equipo catalán para xogar a final polo ascenso
Chegáballe cun empate ao Rácing pero o Nástic de Tarragona sacoulle o máximo partido a un solitario gol marcado por Nil Jiménez no minuto 59 de partido. Demostrou a razón pola que foi o equipo menos goleado do Grupo II e pola que leva máis de 400 minutos sen encaixar un gol.
O peso do partido levouno o Rácing. O Nástic cedeulle a iniciativa e levados por Héber desde a banda esquerda os de Cristóbal xeraron as mellores opcións no primeiro tempo. Un lanzamento de Del Pozo, outra de Joselu e, sobre todo, un disparo de Fran Manzanara foron as tres mellores ocasións dese período inicial.
Na segunda metade volveu a insistir o Rácing pero antes da hora de partido chegou o primeiro lanzamento entre os tres paus do Nástic, o que lle serviu para acadar o pase á final polo ascenso.

A partir de aí moitos centros desde a banda, xogadas embarulladas e accións polémicas con caídas na área de Héber ou Pumar. Un lanzamento de falta de Álex López, outra de David Rodríguez no 94 e Alayeto no 95 obrigaron a facer intervencións de mérito do porteiro do Nástic impedindo un empate que sería providencial para o Rácing.