O Racing derrota ao Pontevedra (2-0) no derbi da Malata
Manu Justo e Carlos Vicente anotaron os goles dos ferroláns
O Pontevedra segue agravando a súa situación na táboa
O Pontevedra saiu á Malata cunha aliñación de circunstancias, opuxo un feixe de loita, pero perdeu contra o Racing. Preocupa o Pontevedra, penúltimo e cada vez máis descolgado.
En Ferrol, o Racing foi mellor. Na primeira metade xa tivo opcións, como un balón ao pau de Luís Chacón e o posterior intento de Manu Justo. Ocasión clara.
Pero os goles chegaron no segundo tempo. O primeiro, con polémica. Porque na cabezada de Carlos Vicente os granates reclaman fóra de xogo de Manu Justo. E piden ademais man do goleador ferrolán. Os granates protestaron con vehemencia, pero nada. A perspectiva non é a máis exacta, pero o fóra de xogo pode existir. De man... nada.
O gol aconteceu no minuto 50 e no 65 Carlos Vicente poñía o segundo nunha acción que deixou en evidencia os desaxustes granates atrás. Gran resolución de Carlos Vicente. 2-0 final. O Rácing reafirma a súa posición de promoción e deixa un pouco máis tocado o Pontevedra.