O Racing elimina ó Langreo na quenda de penaltis
Os departamentais foron superiores pero necesitaron da sorte dos penaltis para pasar de rolda
Álvaro Giménez errou un penalti no primeiro minuto da prórroga
O porteiro local Adrián Torre mantivo na eliminatoria o seu equipo
@racingferrolsad
O Racing clasificouse para a segunda rolda da Copa do Rei tras eliminar, non sen sufrimento, ao Langreo. Os ferroláns tiveron que chegar ata a quenda de penaltis para eliminar a un equipo local que fixo un exercicio de supervivencia durante os 120 minutos que durou o partido.
O partido foi un monólogo racinguista. Con multitude de ocasións para o equipo departamental que se toparon unha e outra vez coas intervencións do porteiro asturiano Adrián Torre. E cando non era o meta asturiano era o traveseiro o que evitaba o gol racinguista como aconteceu despois dun disparo de Aitor Gelardo.
Xa na prórroga, no primeiro minuto, Álvaro Giménez forzou un penalti pero o capitán non foi quen de batir a meta asturiana. O partido chegou á quenda de penaltis. O Racing comezou a remolque despois do erro de Jairo que viu como o seu lanzamento petaba nos dous postes da portería. Pero ámbolos equipos alternaron erros e acertos. Ata que chegaron o desempate final onde Lucas Díaz parou a pena máxima lanzada por Pablo Pérez e Ander Gorostidi non desaproveitaría a ocasión de certificar o pase do Racing á seguinte rolda copeira.