O Racing recupera a solvencia na Malata (3-0)
Derrotou o Fuenlabrada con goles de Manu Justo, Luís Chacón e Pep Caballé e volve a postos de play-off
O Racing recuperou a solvencia no campo da Malata e gañou por 3-0 ante o Fuenlabrada. Volveron as sensacións dese equipo sólido e rochoso do primeiro treito de campionato. Sen deixar o rival crearlle oportunidades e tirando proveito das súas.
No primeiro tempo, o gol de Manu Justo encamiñou o triunfo. O dianteiro foi o máis rápido á saída dun córner para aproveitar un rexeitamento. A única pega para o Racing foi o cartón que recibiu Álex López, que non xogará a vindeira xornada.
Tivo moitas ocasións o Racing para pechar o partido, sobre todo cunha tripla oportunidade. Á contra chegaron os outros dous goles na parte final do encontro. O da canteira Luís Chacón e Pep Caballé (volvía a marcar despois de case dous anos de lesión) poñían o definitivo 3-0 e selaban un triunfo claro e contundente.