Celta e Betis empatan sen goles nun disputado partido
O encontro tivo unha metade para cada equipo, co Celta mellor na primeira
Porén, os vigueses puideron gañar no treito final
Non se moveu o marcador en Balaídos, nun partido entre dous equipos europeos que tiveron as súas alternativas.
O Celta comezou ben en ataque, e axiña conseguiu os primeiros remates: Un de Ilaix, e dous de Hugo González, que atoparon un seguro Álvaro Valles. Despois foi Yoel Lago o que avisou á saída dun córner, pero a súa cabezada saía moi desviada. E logo Pablo Durán remataba tamén lonxe da portería.
O Betis tardou en achegarse, pero tivo dúas moi claras: primeiro Abde case aproveita un exceso de confianza de Javi Rueda e, no saque do curruncho seguinte, o balón paseouse pola área pequena viguesa.
Pero o Celta volveu á carga, cun man a man de Pablo Durán que salvou Valles, parando tamén o seguinte remate de Hugo González. O partido era de ida e volta, pero o marcador non se moveu antes do descanso.
Na segunda metade entrou un chisco mellor o Betis, e a primeira foi clarísima, cun ataque que culminaba Deossa cun lanzamento repelido pola escadra. Pouco despois remataba raso Antony, con problemas para Radu. Logo doutra aproximación de Antony que acabou caendo na área, chegaron un par de centros laterais de Ángel Ortiz, antes de que Natan cazara un balón morto e rematara con todo, por riba da portería.
O Betis dominaba nesta segunda metade, pero o Celta non renunciaba á busca da área andaluza. E no minuto 85 chegou a gran ocasión dos vigueses, nun envío de Swedberg para Iago Aspas, que o capitán estivo a piques de converter en gol. O balón acabou rexeitado a córner.
Xa no tempo engadido, Hugo Burcio enganchou mal o remate desde a frontal. Aínda tivo a penúltima o Betis, nun remate moi cruzado de Parrot en inmellorable posición. E a última do Celta, cun servizo de Aspas que non lle chegou a Swedberg. Empate sen goles en Balaídos, e o Celta segue sen perder desde o mes de agosto.