Os que izaron os vagóns do Alvia en Angrois explican o traballo dos guindastres en Adamuz
Quince operarios de Grúas Norte traballaron tres xornadas, día e noite, para retirar da vía os vagóns sinistrados en Santiago
A retirada correcta dos vagóns sinistrados é unha manobra indispensable para pode completar o rescate da vítimas, para deixar libres as vías e tamén para a posterior investigación dos feitos
Os da empresa Grúas Norte traballaron en Angrois, e seguen moi de preto cada avance nos labores de rescate en Adamuz.
"E con moita tristura porque ao ver a noticia nos medios a min lembroume aqueles días. Pero tamén co orgullo de telo feito en tempo récord", dixo Cristina Montenegro, a responsable de Grúas Norte.
Porque eles foron os encargados de retirar os vagóns do Alvia descarrilado na curva da Grandeira
"En menos de tres cuartos de hora estabamos co guindastre situado e puidemos sacar a xente con vida", engadiu a xefa da empresa de Santiago.
"No de Angrois, ao chegar, había unha moza debaixo e nós izamos a carga axiña e os bombeiros puideron sacala para fóra", dixo Daniel Mosquera, o xefe de manobras e mantemento de guindastres
Daniel dirixiu o guindastre de 800 toneladas que usaron para retirar o mercadorías sinistrado nas Neves. Só tres empresas en España teñen un guindastre así. En Adamuz, como en Angrois, o axustado aos accesos e ao peso da carga son 300 toneladas.
"Hai que eslingar por zonas seguras para que non caia no momento en que estás izando, porque non é só levantar a carga. Hai persoas", matizou Daniel Mosquera, o xefe de manobras e mantemento de guindastres. Refírese a equipos de rescate, bombeiros e sanitarios cos que hai que coordinarse e preservar a seguridade. Tamén atender as indicacións dos enxeñeiros, que coñecen as vías e como están construídos os vagóns. Dous guindastres, 15 persoas por quenda, tres dornadas traballaron día e noite no accidente de Santiago".