Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PSOE reúne de novo as súas responsables de Igualdade polo caso Salazar

O PSOE reúne de novo as súas responsables de Igualdade polo caso Salazar

A secretaria de Organización, Rebeca Torró, presenta este venres o informe sobre Salazar

Cuarto caso de suposto abuso sexual no PSOE: Javier Izquierdo abandona todos os cargos

A secretaria de Organización do PSOE, Rebeca Torró, nunha imaxe de arquivo (Europa Press) A secretaria de Organización do PSOE, Rebeca Torró, nunha imaxe de arquivo (Europa Press)
G24.gal 12/12/2025 08:37

A secretaria de Organización do PSOE, Rebeca Torró, presentará este venres 12 de decembro o informe sobre as denuncias de acoso contra o exdirixente socialista Francisco Salazar. Ademais, xunto á secretaria de Igualdade, Pilar Bernabé, convocou a todas as responsables desta área a unha reunión presencial na sede do partido na rúa Ferraz.

Segundo a convocatoria, a dirección chama as secretarias autonómicas de Igualdade e tamén ás portavoces do ramo e do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero no Congreso, o Senado e a delegación socialista no Parlamento Europeo. Tamén están convidadas á reunión, que comezará ás 16 horas, as portavoces socialistas de Igualdade e de violencia de xénero da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), así como a secretaria de Igualdade de Mocidades Socialistas.

Primeira comparecencia ante a prensa de Torró

Antes, ás 11:30 horas, Torró ofrecerá unha conferencia de prensa na mesma sede nacional, a súa primeira intervención pública tras o estalido desta crise, en que fará público o informe elaborado sobre as denuncias a Salazar, segundo trasladaron fontes socialistas.

Este informe foi elaborado pola Oficina contra o Acoso do PSOE á que chegaron dúas denuncias anónimas o pasado mes de xullo contra o asesor de Pedro Sánchez na Moncloa e integrante da Executiva Federal socialista.

Os testemuños destas dúas mulleres, que traballaban ao seu cargo na Presidencia do Goberno, describen comportamentos de acoso no lugar de traballo, ademais do encubrimento do seu número dous, Antonio Hernández, que tamén foi cesado.

As fontes consultadas apuntan que o partido terá que abordar cambios no tempo que tardou en reaccionar e contactar coas vítimas, que cualifican de "inasumible", así como mellorar o acompañamento ás denunciantes durante o proceso. Consideran ademais que, de aquí en diante, non deberán deixar estes casos unicamente en mans do equipo xurídico, como sucedeu ata o de agora.

Con todo, apuntan que o feito de que as denuncias sexan anónimas engade dificultade á investigación porque custa máis contactar con elas e trasladan o seu respaldo a Rebeca Torró, ante as críticas recibidas nos últimos días.

Nova reunión de Igualdade ante as críticas internas 

A dirección federal do PSOE xa convocou a semana pasada a un encontro telemático de urxencia ás secretarias autonómicas de Igualdade. Unha reunión tensa en que varias dirixentes trasladaron as súas críticas pola xestión das denuncias de acoso contra cargos socialistas.

Na convocatoria enviada ás responsables de Igualdade, sinalan como único punto a tratar a "actualidade política", sen facer referencia expresa aos casos de Salazar e do xa expresidente da Deputación de Lugo, José Tomé, que saltou esta mesma semana.

Crise en Galicia

Nas últimas horas, este último caso detonou unha crise no seo do partido en Galicia. José Tomé comunicou a súa suspensión da militancia, que implica tamén a renuncia a todos os seus cargos orgánicos, e que dimitiría como presidente da Deputación de Lugo. Con todo, manifestou a súa vontade de continuar tanto como alcalde de Monforte -municipio en que conta con maioría absoluta- como coa súa acta de deputado provincial, en ambos os dous casos baixo a condición de non adscrito.

Ante iso, tanto a dirección nacional do PSOE como a galega capitaneada por José Ramón Gómez Besteiro emprazáronlle a renunciar a ambos os dous cargos nun contexto no que a cúpula do PSOE galego traballa para evitar unha crise na institución provincial, onde Tomé se convertería en deputado chave para a gobernabilidade dunha deputación na que o PSOE ostenta o goberno en colación co BNG.

Ademais, de forma paralela, en Galicia, na tarde deste xoves reuniuse o grupo de Igualdade do PSdeG que, froito da xuntanza, publicou un manifesto en que reclama máis garantías internas fronte a condutas machistas. No texto, o colectivo avisa de que o caso Tomé non é un "incidente illado, senón a expresión de dinámicas de poder enraizadas na cultura patriarcal".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade