Publicador de contidos

Publicador de contidos

O grupo de igualdade do PSdeG reclama máis garantías internas fronte a condutas machistas

O grupo de igualdade do PSdeG reclama máis garantías internas fronte a condutas machistas

Nun manifesto, o colectivo avisa de que o caso Tomé non é un "incidente illado, senón a expresión de dinámicas de poder da cultura patriarcal" 

A secretaria de Organización, Lara Méndez, lembrou que o PSOE foi pioneiro en habilitar unha canle antiacoso interna e convidou a todos os partidos a adoptar ferramentas similares

Besteiro di que non coñecía as denuncias internas contra Tomé, pero non aclara se algunha vítima lle falou de casos de acoso sexual

Xuntanza do grupo de Igualdade do PSdeG, este xoves en Santiago de Compostela (PSdeG) Xuntanza do grupo de Igualdade do PSdeG, este xoves en Santiago de Compostela (PSdeG)
G24.gal 12/12/2025 08:08

O grupo de igualdade do PSdeG lanzou a última hora deste xoves un manifesto a través do que reclama máis garantías internas, canles seguras para denunciar e mecanismos efectivos na protección fronte ás condutas machistas tras a crise aberta no partido por mor das denuncias por suposto acoso presentadas contra o que era presidente da Deputación de Lugo e responsable do partido na provincia, José Tomé.

A titular de Organización do PSdeG, Lara Méndez, e a secretaria de Igualdade do partido, Silvia Fraga, reuniron na tarde deste xoves este grupo integrado por responsables de Igualdade do partido a diferentes niveis na sede galega. O encontro, que se axendara para as 17:30 horas deste xoves, prolongouse ata pasadas as 21:00 horas e nel abordouse a situación tras o caso de Tomé.

As presentes aprobaron, sen necesidade de que se sometese a votación -segundo apuntaron fontes socialistas-, un manifesto que recolle a necesidade de fortalecer as garantías internas, reforzar os procedementos de actuación e consolidar espazos seguros para que calquera muller poida denunciar situacións de acoso ou comportamentos machistas dentro da organización.

O documento, que será remitido aos órganos competentes do partido, aposta por mellorar a transparencia dos procedementos, asegurar prazos claros, activar medidas cautelares proporcionais e garantir acompañamento psicolóxico e xurídico ás mulleres que poidan verse afectadas.

As participantes insistiron na importancia de manter estruturas internas sólidas, operativas e dotadas de recursos suficientes para actuar con axilidade en todos os casos. Insistiron, así mesmo, no apoio a todas as mulleres que sexan vítimas de comportamentos machistas "dentro e fóra do partido" e afirmaron que "os feitos coñecidos non son incidentes illados, senón a expresión de dinámicas de poder profundamente enraizadas na cultura patriarcal".

Tras a aprobación do manifesto, e tal e como trasladou o PSdeG nun comunicado, Lara Méndez destacou o compromiso político do PSdeG insistindo en que son o partido que "máis avanzou na defensa da igualdade" no país.

"Todos os grandes pasos adiante deron comezo con gobernos socialistas, porque entendemos que a igualdade non se defende só con discursos, senón con feitos, normas claras e decisións valentes. Por iso reforzamos os nosos mecanismos internos e por iso tamén pedimos ao resto de partidos que fagan o mesmo", indicou.

Lara Méndez lembrou que o PSOE foi pioneiro en habilitar unha canle antiacoso interna, operativa e verificable, e convidou a todas as organizacións políticas a adoptar ferramentas similares para garantir protección efectiva e contornas libres de violencia.

Para pechar o encontro, conforme trasladou o PSdeG, as mulleres participantes insistiron na importancia de que o manifesto se converta nun documento útil e vivo, e que o traballo que recolle sirva para seguir avanzando nun partido máis seguro para as mulleres e máis igualitario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade