O PSdeG pide 100 millóns para axudar as empresas pequenas e medianas
Demanda tamén outra partida de 20 millóns de euros para financiar parte dos xuros que as pemes pagan polos seus créditos
O PSdeG pedirá no Parlamento que a Xunta habilite, de forma urxente, unha partida de 100 millóns de euros para axudar as pemes galegas a afrontar o difícil escenario económico actual.
"O encarecemento dos préstamos e das materias primas están a dificultar a supervivencia de moitas pemes de Galicia e poñendo en cuestión miles de empregos", asegurou Valentín González Formoso.
O líder dos socialistas galegos lembrou que o Goberno de Pedro Sánchez habilitou 10.000 millóns de euros, a través de créditos ICO, para financiar o circulante ás empresas do Estado en dificultades.
Ademais, a proposta que o PSdeG levará á cámara lexislativa inclúe a solicitude doutra partida de 20 millóns de euros para financiar parte dos xuros que as pemes pagan polos seus créditos, e para axudalas a sufragar os custos de estudo de novos préstamos e a financiar as comisións que cobran as sociedades de garantía recíproca para avalalos.
"1.104.000 persoas teñen agora mesmo en cuestión a viabilidade das súas empresas e dos seus postos de traballo en Galicia", destacou o socialista.
Formoso indicou que, segundo os informes de organismos oficiais, en 2023 prevese para Galicia un crecemento económico de só 0,5 puntos, unha taxa que se sitúa, segundo Formoso, catro veces por debaixo de Canarias ou Baleares, tres por baixo de Madrid ou Cataluña, e dúas veces menos que Cantabria ou o País Vasco.