Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump desprega a alfombra vermella para recibir en Washington a Xi Jinping

Trump desprega a alfombra vermella para recibir en Washington a Xi Jinping

É a primeira visita de Estado que o mandatario chinés realiza aos EUA en máis dunha década e a terceira entrevista con Trump desde que este regresou á Casa Branca

Xi pide a Trump unha relación de socios, non rivais, entre A China e os EUA

REUTERS/Jonathan Ernst REUTERS/Jonathan Ernst
G24.gal 24/09/2026 09:13

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, despregou este mércores a alfombra vermella para recibir con todas as honras o seu homólogo chinés Xi Jinping, na primeira visita chinesa de Estado a Washington en máis dunha década, cunha non habitual cerimonia de benvida a pé de avión.

A pomposa recepción, nada usual nos Estados Unidos, reflectiu a importancia que a Casa Branca concede á visita do líder chinés, con quen Trump aposta pola sintonía privada para aliviar as tensións entre as dúas maiores potencias mundiais.

Xi aterrou á 17:40 hora local (as 03:40 hora galega) a bordo dun avión de Air China na base militar de Andrews, nos arredores de Washington, e descendeu da aeronave xunto á súa esposa Peng Liyuan para atoparse con Trump e a primeira dama Melania Trump.

O mandatario estadounidense recibiu persoalmente o seu invitado ao pé da escada, nun xesto pouco habitual para un xefe de Estado estranxeiro, antes de que ambos escoitasen os himnos nacionais e pasasen revista a unha formación militar.

A cerimonia incluíu ademais o sobrevoo de dous bombardeiros B-1, cuxo ruído enxordecedor provocou un aceno de Trump mentres Xi permanecía impasible. Con esta despregadura, Trump quixo corresponder ás honras con que Xi o agasallou durante o seu último encontro, celebrado o pasado maio en Pequín.

A desta semana é a primeira visita de Estado de Xi a Washington desde 2015, cando foi recibido polo daquela presidente Barack Obama, e supón o terceiro encontro presencial entre ambos os mandatarios desde o regreso de Trump á Casa Branca.

Moita pompa e poucas expectativas na primeira visita de Estado de Xi Jimping aos EUA en dez anos

Este xoves, cando Trump e Xi se reúnen na Casa Branca, participarán nunha cerimonia formal de benvida seguida por unha cea de Estado na residencia presidencial.

O obxectivo é rebaixar as tensións nunha relación marcada por disputas comerciais, tecnolóxicas e xeopolíticas, desde os aranceis e as terras raras ata a guerra de Irán, Taiwan e a carreira pola Intelixencia Artificial (IA).

Aínda que non se esperan grandes acordos, ambos os líderes tratarán previsiblemente de preservar o ton cordial dos seus anteriores encontros e manter abertas as canles de diálogo nunha relación cada vez máis definida pola competencia estratéxica.

A tregua comercial e outras frontes abertas entre Washington e Pequín

A tregua comercial, que expiraba en novembro, foi estendida este mércores ata o 10 de xaneiro, segundo anunciou o secretario do Tesouro estadounidense Scott Bessent tras reunirse co viceprimeiro ministro chinés Hei Lifeng na véspera do encontro entre Trump e Xi.

O acordo alcanzado en Busan en outubro do ano pasado permitiu a Washington suspender novos aranceis sobre produtos chineses mentres Pequín suspendía novas restricións á exportación de terras raras e outros minerais críticos.

Alén do comercio, Washington e Pequín avanzaron na preparación dun diálogo sobre seguridade da Intelixencia Artificial, que incluiría mecanismos de comunicación para responder a posibles incidentes relacionados con esa tecnoloxía. As dúas partes teñen previsto continuar esas conversacións nos próximos meses.

Xunto a esta cuestión, estarán tamén sobre a mesa as terras raras e outros minerais críticos, esenciais para as industrias tecnolóxica, enerxética e de defensa, nos que A China mantén unha posición dominante, algo que inquieta en Washington.

Pero Trump chega á cita con Xi nunha posición máis fráxil que en maio, coa guerra de Irán estancada e o risco de que o conflito pase factura aos republicanos para as eleccións lexislativas de metade de mandato de novembro.

O presidente estadounidense busca aumentar o illamento económico da República Islámica, pero A China defende o seu dereito a comerciar con Teherán, do que é o principal comprador de petróleo.

Sobre Taiwán, cuxa soberanía reclama Pequín, Xi previsiblemente insistirá en que os Estados Unidos limiten o seu apoio militar á illa, mentres Washington mantén a súa política de unha soa China e o compromiso de axudar a Taipei a reforzar a súa capacidade de defensa.

Xi pide a Trump unha relación de socios, non rivais, entre A China e EUA

O presidente chinés Xi Jinping, que chegou a Washington este mércores, chamou aos Estados Unidos a construír unha relación na que ambos os países sexan socios e non rivais, segundo declaracións á axencia oficial chinesa Xhinhua.

"A China e Os Estados Unidos deben ser socios, non rivais", dixo Xi nunha mensaxe escrita dirixida ao pobo estadounidense á súa chegada a Washington, onde foi recibido persoalmente polo presidente Donald Trump e a primeira dama Melania Trump na base aérea Andrews, no inicio da súa viaxe de Estado, que se estenderá durante tres días na capital estadounidense.

O mandatario chinés engadiu que a gran revitalización da nación chinesa e o obxectivo de Trump de facer grandes de novo os Estados Unidos poden avanzar en paralelo, reforzarse mutuamente e beneficiar o mundo, de acordo coa axencia chinesa.

Xi permanecerá nos Estados Unidos ata o venres, cando visitará xunto a Trump os Arquivos Nacionais, que custodian documentos fundacionais como a Constitución e a Declaración de Independencia, no ano en que Estados Unidos conmemora o 250 aniversario da súa independencia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade