Publicador de contidos

Publicador de contidos

O primeiro positivo de hantavirus atópase xa na súa casa tras recibir a alta

O primeiro positivo de hantavirus atópase xa na súa casa tras recibir a alta

G24.gal 04/06/2026 18:15

O primeiro pasaxeiro do MV Hondius que deu positivo en hantavirus o pasado 11 de maio atópase xa na súa casa tras ser dado de alta no Hospital Gómez Ulla de Madrid.

O home, de 70 anos,  pasou máis de tres días asintomático e obtivo as dúas últimas probas PCR negativas, segundo informaron fontes do Ministerio de Sanidade.

Agora será sometido a un seguimento clínico durante os seis próximos meses para controlar posibles secuelas e monitorizar a súa evolución, xa que os estudos máis recentes sobre o hantavirus Andes amosan que a detección do virus en sangue pode persistir durante un período prolongado tras a recuperación clínica.

O paciente ingresou na Unidade de Illamento e Tratamento de Alto Nivel (Uatan) do Hospital Gómez Ulla o pasado 11 de maio, un día despois de desembarcar do MV Hondius no Porto da Granadilla de Tenerife. Tras a alta, non deberá gardar corentena, como si deben facer os outros 12 pasaxeiros considerados contactos estreitos, que seguen negativos e asintomáticos.

Hai ademais outro positivo na Uatan do Gómez Ulla. O seu contaxio confirmouse o pasado 25 de maio; aínda que estaba asintomático, nas últimas horas desenvolveu febrícula, polo que se lle aplicarán os mesmos criterios cando reciba a alta que ao anterior.

É dicir, terá que pasar polo menos tres días sen síntomas e obter dúas PCR negativas.

Durante os seis meses posteriores á súa alta, tomaránselles mostras de sangue mensuais ata obter un resultado negativo. Ademais, dado que o virus pode persistir no seme durante longos períodos de tempo, recoméndase que eviten as relacións sexuais sen protección durante, polo menos, 4 meses posteriores ao inicio dos síntomas.

Igualmente, deben evitar todas aquelas actividades que poidan implicar un risco de contacto con sangue, como facer extraccións ou outras accións en ámbitos sanitarios, así como limitar os deportes de contacto e outros en que poida haber risco de sangrado. Esta medida rematará cando teñan unha proba PCR negativa en sangue.

Pola súa banda, os considerados contactos, os outros 12 pasaxeiros do buque illados no Gómez Ulla e as mulleres de Barcelona e Alacante que compartiron avión cunha das falecidas, deberán completar o período máximo de corentena, que é de 42 días.

Non obstante, aos 28 días, se persiste a súa situación favorable, poden continuar facendo a corentena nas súas casas; se neses últimos 14 días de illamento seguen asintomáticos, tomaráselles unha mostra ao finalizar dito período, que será analizada polo Centro Nacional de Microbioloxía.

Só tras obter un resultado negativo poderán finalizar as medidas de seguimento e recuperar plenamente a súa actividade habitual.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade