O primeiro ministro de Portugal aposta por potenciar a conexión de alta velocidade con Vigo
Avoga por desenvolver unha rede ferroviaria ibérica rápida que non teña Madrid por núcleo exclusivo e que potencie a fachada atlántica

O primeiro ministro de Portugal en funcións, o socialista António Costa, presentou este venres o concurso para o primeiro tramo da liña de alta velocidade entre Lisboa e Porto e instou a desenvolver unha rede ferroviaria ibérica rápida cuxo núcleo non sexa exclusivamente Madrid.
"Esta conexión Lisboa, Porto e Braga, e Braga e Vigo é absolutamente fundamental tamén para o que é a lóxica que debemos ter na nosa inserción na rede europea e desde logo na rede ibérica de alta velocidade", afirmou Costa no acto de presentación, que tivo lugar en Almada, na área metropolitana de Lisboa.
Con todo, cuestionou cal debe ser o deseño das conexións ferroviarias portuguesas para fomentar a cohesión interna e a competitividade externa, cando "basta mirar o que é o conxunto da rede de alta velocidade na península Ibérica para ver o deseño radial no que se asinta a rede de alta velocidade en España".
"A cuestión é se queremos contribuír a esa construción radial ou se queremos ver a Portugal non só como un punto de conexión a un só punto de España ou se o que verdadeiramente queremos e debemos querer é inserir a nosa rede de alta velocidade no conxunto da rede de alta velocidade na península Ibérica", continuou.
Ao seu xuízo, "esta visión polinucleada" da península "é seguramente a que máis favorece no longo prazo á afirmación xeopolítica" portuguesa.
Estas conexións, exemplificou, poderían unir Portugal con Vigo, Barcelona, Valencia, Sevilla "e, naturalmente, Madrid".
O lanzamento deste concurso prodúcese apenas tres días despois de que o Parlamento aprobase unha resolución a favor e en plena conta atrás para poder acceder a fondos europeos do Mecanismo Conectar Europa, valorados en 729 millóns de euros.
Está previsto que esta conexión internacional que une Lisboa e Vigo poida estar terminada en 2030.