O presidente de Renfe pídelle á xuíza de Adamuz que investigue o 112 de Andalucía
Álvaro Fernández Heredia defendeu no Senado a calidade do servizo ferroviario en España
Este xoves tamén compareceu na comisión de investigación o secretario xeral do Sindicato Español de Maquinistas Ferroviarios
O sistema ferroviario español someteuse a exame este xoves no Senado. O presidente de Renfe, Álvaro Fernández Heredia, asegurou que invisten 3.000 millóns ao ano en mantemento da súa flota e dálle un notable á súa empresa.
Porén, o gremio de maquinistas asegura que a calidade se resentiu nos últimos anos porque se investiu moito en abrir novas liñas e pouco no mantemento das que xa existían.
Segundo Diego Martín, secretario xeral do Sindicato Español de Maquinistas Ferroviarios, "a xestión do sector en conxunto non está sendo a adecuada" e por iso, engade, "a imaxe e a calidade do sector ferroviario está baixando".
Si coinciden os dous en que o sector ferroviario en España é seguro, máis alá de accidentes puntuais como o rexistrado en Adamuz, Huelva.
Pide que se aclaren as causas do sinistro e Renfe insiste en que neste caso tamén é unha vítima. O seu presidente confirmou este xoves que están persoados na causa penal "como prexudicados".
A operadora pediulle á xuíza que leva o caso que investigue o 112 da Junta de Andalucía. Cre que a súa resposta o día do accidente non foi eficaz.
"Temos máis de 400 comunicacións solicitando medios de emerxencias", apuntou Álvaro Fernández Heredia.
Os dous comparecentes na comisión do Senado laiáronse de que os partidos usen os trens na súa batalla política.