Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda anuncia que as axudas do bono escolar se elevan aos 75 euros por neno para familias vulnerables

Rueda anuncia que as axudas do bono escolar se elevan aos 75 euros por neno para familias vulnerables

Beneficiarán a máis de 90.000 familias vulnerables

Rueda mantivo un encontro que reuniu a todo o seu goberno e fixou as prioridades para os próximos meses

O presidente da Xnta, durante a súa intervención ante todos os membros do Goberno galego (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 19/09/2022 10:52 Última actualización 19/09/2022 13:31

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que as axudas do bono escolar para material se elevarán este inicio de curso un 50 % fronte á contía actual de 50 euros, de maneira que pasarán a 75 euros por neno e beneficiarán máis de 90.000 familias vulnerables.

Trátase dunha das medidas que o mandatario autonómico explicou no primeiro encontro para reunir a todo o seu goberno, desde conselleiros a altos cargos e persoal de gabinete.

A cita ten o obxectivo de realizar balance e fixar prioridades para os próximos meses, cando xa se iniciou a segunda parte da lexislatura. Rueda, que tomou posesión en maio tras a marcha de Alberto Núñez Feijóo a Madrid e a substitución á fronte da Xunta, repasou as medidas postas en marcha polo seu goberno e tamén nos anos que lle precederon.

Catro meses desde que tomou posesión, case 14 anos desde que os populares volveron tomar as rendas da Xunta e a dous anos de que se cumpran os catro da lexislatura, lembrou, o presidente autonómico enarborou a bandeira das políticas sociais e tamén confirmou que se actualizarán as axudas de inclusión á inflación, tales como a Risga ou as axudas de emerxencia.

Durante a súa intervención, Rueda defendeu que o seu é "un Goberno no que se pode confiar", e lembrou que o pobo galego é "inconformista", polo que lle pediu aos seus "ter presente" que son "servidores públicos con todas as letras e con toda a responsabilidade" que iso supón. "Galicia pide moito e tamén dá moito", proclamou o xefe do Executivo autonómico, convencido de que non fará "este camiño só" e, de feito, só acompañado terán "éxito".

Ademais, asegurou que nos orzamentos autonómicos de 2023 van reforzarse as axudas sociais e actualizarase a súa contía ao mesmo nivel que a inflación, polo que se o IPC é dun 10 % a Risga  pasará dun importe medio de 480 a 530 euros. No caso das axudas puntuais de emerxencia social, ante este mesmo incremento do IPC, incrementarían o seu nivel mínimo de 1.150 a 1.270 euros, e no máximo de 5.800 a 6.400 euros.

Porque "o mellor antídoto contra as incertezas económicas é un Goberno centrado no benestar da xente", afirmou Rueda, quen lembrou que os orzamentos autonómicos para o ano que vén incluirán unha nova rebaixa no tramo autonómico do IRPF, co que Galicia será, xunto con Madrid, a comunidade "coa carga fiscal máis reducida para os fogares máis humildes".

O presidente autonómico insistiu en que a Xunta ten claro "de onde vén e onde quere chegar" despois de tomar a substitución dun Executivo que deixou "o listón máis alto de todos os Gobernos de España", en referencia ao presidido por Alberto Núñez Feijóo, sobre o que houbo poucos cambios nesta nova etapa.

Tamén puxo deberes ao Goberno central, ao que reclamou que "dunha santa vez" estableza un calendario para a entrada en funcionamento dos trens Avril, concrete a repartición de fondos europeos, transfira a xestión do litoral, regule o desenvolvemento da enerxía eólica mariña e, en xeral, teña unha "sensibilidade con Galicia" que agora cre que non demostra.

No seu discurso destacou o seu papel como "servidor público" e pediu aos conselleiros "ser de utilidade ao pobo" para o que os próximos orzamentos autonómicos, que se presentarán en outubro, permitirán facer realidade as políticas da Xunta "con seriedade e rigor", a pesar de que algúns pensen que son "unha broma", dixo en referencia á líder do BNG, Ana Pontón. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade