Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump impón un arancel do 50 % ao cobre e ameaza cun 200 % as farmacéuticas estranxeiras

Trump impón un arancel do 50 % ao cobre e ameaza cun 200 % as farmacéuticas estranxeiras

O presidente dos EUA dá un ano ás empresas farmacéuticas para instalarse no país

O novo imposto súmase aos xa vixentes sobre o aceiro e o aluminio

G24.gal 08/07/2025 19:34

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, anunciou este martes un novo arancel do 50 % sobre o cobre e advertiu que podería aplicar un gravame de ata o 200 % aos produtos farmacéuticos fabricados fóra do país, se as compañías do sector non trasladan a súa produción aos EUA.

Durante a sexta reunión do seu gabinete desde que iniciou o seu segundo mandato o pasado 20 de xaneiro, Trump detallou que o novo imposto ao cobre segue a liña dos establecidos previamente sobre o aceiro e o aluminio, aínda que non especificou detalles técnicos sobre a súa aplicación.

Aviso ás farmacéuticas: prazo dun ano para instalarse nos Estados Unidos

Trump deu ás farmacéuticas un prazo de entre un ano e ano e medio para establecérense no país. En caso contrario, advertiu, os seus produtos estarán suxeitos a un arancel "moi alto", dun 200 %.

"Se teñen que traer produtos farmacéuticos, medicamentos e outros artigos, pagarano caro", asegurou o mandatario, que criticou as administracións anteriores por permitir a deslocalización masiva deste sector estratéxico.

“Todos marcharon. Foron a outros lugares porque a xente que estaba nesta sala o permitiu. Eu non o permito”, afirmou ante os membros do seu Executivo.

Prazo ampliado para pactar novos aranceis

O anuncio prodúcese un día antes de que venza o prazo inicial concedido aos socios comerciais para negociar novos aranceis en substitución dos chamados aranceis recíprocos.

Ata o momento, Estados Unidos só pechou acordos coa China, o Reino Unido e Vietnam. A prórroga da tregua de 90 días, anunciada en abril, esténdese agora ata o 1 de agosto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade