Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os partidos galegos valoran o 23X: o PPdeG pide que deixen gobernar a Feijóo

Os partidos galegos valoran o 23X: o PPdeG pide que deixen gobernar a Feijóo

PSdeG e BNG din que Feijóo non será presidente e felicítanse por parar a dereita e a ultradereita

G24.gal 24/07/2023 16:28 Última actualización 24/07/2023 22:22

Apenas doce horas despois do escrutinio, e aínda en plena resaca electoral, os distintos líderes e dirixentes dos principais partidos en Galicia fixeron unha análise máis detallada dos resultados do 23-X.

No PP cren que Alberto Núñez Feijóo debe gobernar tras gañar as eleccións a pesar de lograr 136 escanos dos 176 necesarios para a investidura mentres que BNG, PSdeG e Sumar atribúense frear esa posibilidade.

O aínda portavoz do PP no Parlamento galego, Pedro Puy, recoñeceu este luns unha sensación "agridoce" no partido tras a vitoria electoral do domingo, polo que pediu ao PSOE algún tipo de acordo para permitir que goberne a forza que gañou as eleccións, xa que a alternativa sería "o bloqueo ou un goberno sometido á opinión e ao voto de todas as forzas independentistas á vez".

Nunha conferencia de prensa no Parlamento galego Puy destacou os resultados "excelentes" do PP en Galicia e dixo non comprender e cualificou de "sorprendentes" as reaccións de PSdeG e BNG tras os comicios electorais.

Segundo Puy, o PP gañou onte "o dereito para tentar formar Goberno" e o PSOE, de non permitilo, sería "a primeira vez que un partido que perde as eleccións lidere o Goberno e pactando con todos os partidos á súa esquerda e independentistas á vez, xa que non é posible prescindir de ningún".

"A situación é moi complexa e moi complicada, o mellor que podemos facer todos é reflexionar", concluíu Puy, que indicou que se non goberna o PP a posibilidade restante é "o bloqueo e a repetición de eleccións".

O BNG di que quere un goberno progresista, pero non dará un cheque en branco

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reiterou que a súa formación quere á fronte do Estado un Goberno progresista, pero subliñou que o nacionalismo galego non dará "un cheque en branco a ninguén".

Nunha comparecencia de prensa tras a reunión da Executiva Nacional do BNG para valorar a xornada electoral, a líder do Bloque avanzou que desde agora empezarán un camiño de diálogo e negociación para evitar un goberno de dereitas e tamén a repetición das eleccións.

Para todo iso, insistiu, "o voto do BNG vai ser clave", polo que volverán poñer como documento base de toda negociación a "axenda galega" que debe avanzar en Madrid coa "firmeza" que necesitan os intereses dos galegos.

O BNG encabeza a oposición en Galicia, con 19 de 75 deputados, e nas eleccións xerais de onte domingo logrou manter o seu único deputado no Congreso a pesar de subir 30.000 votos respecto a hai catro anos.

O PSdeG di que Feijóo non vai ser presidente e que o España parou a dereita e a ultradereita

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, considerou este luns que o líder do PP e expresidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo tivo este domingo "a súa peor noite electoral porque non vai ser presidente de España" despois de que o PSOE conseguira "dar a volta a todas as previsións".

En conferencia de prensa, o socialista puxo en valor os resultados que demostran que España foi "capaz de conter o avance da dereita e a ultradereita”, polo que España pode "durmir máis tranquila". "E teño a convicción de que Europa tamén", apostilou.

Respecto aos resultados en Galicia, Álvarez admitiu que a vitoria levouna o PP, algo que atribuíu a que "presentaban a un candidato que foi 13 anos presidente da Xunta", aínda que lembrou que o bloque da dereita (PP e Vox) na comunidade tivo menos respaldo en votos -29.000 menos- e porcentaxe -case dous puntos menos- que o bloque da esquerda (PSdeG, BNG e Sumar).

Sumar gábase de parar a dereita

Sumar, que logrou 175.000 votos e dúas deputadas nos comicios de onte, non fixo ningunha reunión pública nesta xornada.

A través da redes sociais, a deputada electa por Pontevedra Verónica Martínez Barbeiro defendeu este luns que "en Galicia e en España somos progresistas" e queren "un Goberno que avance en dereitos".

"Querémonos libres e imos traballar moi duro para conseguilo. Onte paramos a dereita. Derrotamos a Feijóo", conclúe.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade