Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PP pídelle á Xunta Electoral que abra expediente sancionador a Tezanos

O PP pídelle á Xunta Electoral que abra expediente sancionador a Tezanos

O PP solicita o traslado inmediato á Fiscalía se a XEC observa delito nos trackings elaborados polo CIS (os que permitiron coñecer a evolucón do voto na campaña do 23X)

Os populares apuntan a un posible delito de financiamento ilegal dos partidos da coalición do Goberno

Tezanos nega que o CIS fixese trackings do 23X e que llelos dese a PSOE e Sumar

G24.gal 14/09/2023 10:32

O PP pediu á Xunta Electoral Central (XEC) nun escrito de reclamación que abra un expediente sancionador contra o presidente do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), José Félix Tezanos, polos trackings para detectar a evolución da intención de voto na campaña do 23X.

O PP sinala que "se pode incorrer nun delito electoral e mesmo de financiamento irregular da campaña dun partido, neste caso das formacións do Goberno de coalición", PSOE e Sumar, ao estimar que "puideron concorrer ás eleccións cunha vantaxe sobre as demais candidaturas".

Os trackings elaborados polo CIS na campaña das eleccións xerais do 23 de xullo, segundo explica o PP, permiten ir detectando diariamente a evolución da intención de voto.

O PP sinala que o CIS debería enviar esta información aos representantes dos partidos que o solicitasen, como fixeron os populares, e quéixase de que só tivesen acceso a eles dúas empresas públicas dependentes do Goberno: o CIS e Tragsatec. "É evidente que os datos tiñan unha aplicación práctica, xa que puideron detectar a evolución dos apoios aos partidos nunha fase da campaña que resultou crítica", engade.

Ademais, o PP lembra que estes trackings non estaban incluídos no plan de acción inicial presentado polo CIS, polo que critica "a falta de transparencia da institución", e denuncia que estas enquisas fixéronse "sen anonimizar, algo que está absolutamente prohibido".

O PP solicita que, de observar condutas susceptibles de delito, se acorde o seu traslado inmediato á Fiscalía para ser investigado no ámbito penal. 
 

Tezanos nega que o CIS fixese trackings do 23X 

O presidente do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), José Félix Tezanos, negou este xoves que o organismo que dirixe fixese trackings para detectar a evolución da intención de voto na campaña do 23X e que tivesen acceso aos mesmos no PSOE e Sumar, e insistiu en que a enquisa metodolóxica que se fixo non estivo rematada ata a véspera das eleccións.

Tezanos insistiu en que a enquisa que elaborou o CIS non tiña como obxectivo coñecer a intención de voto, senón saber como se toma a decisión de votar e cando, despois de detectar en estudos previos que máis dun 30 % dos votantes se decidían na última semana.

Unha vez que o CIS comunicou á XEC que ía facer esta enquisa, tres formacións políticas, Soria Ya, o PSOE e o PP, pediron ter acceso aos datos do mesmo, pero os datos non se lles podían facilitar ata que estivese rematada.

O estudo, sinalou o sociólogo, non se rematou ata o día 22 de xullo e despois de facer as tabulacións e codificacións necesarias foi, finalmente, publicado o día 3 de agosto, momento no que as tres formacións que o solicitaban puideron coñecer o seu contido.

Tezanos indicou ademais que os datos que se ían recollendo día a día eran incompletos e podían ofrecer un anticipo falso.

"Se a enquisa é unitaria o valor da enquisa dácho a unidade da enquisa", resumiu.

Había que ter un determinado número de enquisas en cada unha das provincias para completar a mostra e iso, insistiu, non se ten ata o final.

Tezanos queixouse da "persecución" contra el por parte do Partido Popular e defendeu, unha vez máis, o "método impecable" e a fiabilidade do CIS.

Por último, negou tamén, como denuncia o PP, que a enquisa se fixese "sen anonimizar". Todas as enquisas do CIS, asegurou, son anónimas, nunca se sabe a identidade de quen se está preguntando e hai un proceso posterior para anonimizar calquera dato.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade