Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un erro na documentación impide que o PPdeG emende a moratoria do eucalipto

Un erro na documentación impide que o PPdeG emende a moratoria do eucalipto

O gupo parlamentario popular quería,"tras escoitar distintas sensibilidades", emendar a moratoria para que se puidese replantar o 100% da superficie se o mesmo titular cambiaba de parcela

A Xunta ampliou en outubro a moratoria do eucalipto ata 2030 e foi incluida na coñecida como lei de medidas de acompañamento aos orzamentos de 2026, que chegou ao Parlamento este luns e que, finalmente, non puido modificarse

G24.gal 17/11/2025 18:44 Última actualización 17/11/2025 21:07

Un erro durante a tramitación parlamentaria impediu que o grupo do PPdeG emendase este luns a lei de medidas fiscais e administrativas para introducir na mesma certas precisións á moratoria de novos cultivos de eucalipto estendida pola Xunta ata 2030. Os populares galegos rexistraron, dentro do prazo legal para a presentación de emendas ao articulado desta norma, un documento non definitivo, segundo indicaron fontes do partido, no que non se incluían estas últimas modificacións relativas á xestión destes cultivos.

Posteriormente, xa fóra de tempo por apenas dous minutos, entregaron no Rexistro do Parlamento de Galicia, un documento anexo no que se inclúen emendas adicionais relacionadas, entre outros asuntos, cos usos do solo e cuestións agrícolas e forestais. Con todo, neste texto tampouco figura a modificación da moratoria do eucalipto adiantada previamente por fontes do partido e que establecía que, no caso de que se trasladen os cultivos dunha parcela con baixo rendemento a outra con mellores condicións, se mantives, como establecía a anterior moratoria, a posibilidade de plantar o 100 % da superficie xa dedicada a esta especie.

Na nova moratoria, a Xunta establece que o máximo permitido é dun 75 % de eucaliptos neste tipo de superficies, un limiar que, de tramitarse a reforma, si se conservaría no caso de que cambiase o titular da explotación; mentres que, de ser o mesmo, o límite estenderíase ata o 100 %.

Aínda que os termos desta nova moratoria, que estará en vigor ata o ano 2030, non comezarán a aplicarse ata o comezo do próximo exercicio, o PPdeG propoñíase adaptar os supostos incluídos nesta norma tras escoitar "as distintas sensibilidades" existentes en materia forestal. Ambas medidas, precisaba a exposición de motivos da emenda finalmente non rexistrada polos populares galegos, "foron trasladadas por distintos sectores" e axudan a "mellorar" a norma impulsada para regular "unha cuestión moi complexa" na que concorren "moitos e moi distintos intereses".

Desde a Xunta de Galicia trasladan que, a pesar deste erro na tramitación desta emenda, a intención do Executivo autonómico segue sendo adaptar a norma aos novos supostos, á espera de determinar cal será agora o método que deberán seguir para logralo.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade