Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PPdeG condena a vandalización de varias das súas sedes e acusa a oposición de "cruzar liñas vermellas"

O PPdeG condena a vandalización de varias das súas sedes e acusa a oposición de "cruzar liñas vermellas"

Atribúen a acción a Galiza Nova e á estratexia do "independentismo galego" baseada na "conflitividade social"

En varias sedes galegas apareceron carteis nos que se pode ler: "PP Partido Pirómano, 17 anos queimando Galiza"

Imaxe da fachada da sede do PPdeG en Sada, chea de carteis
G24.gal 02/02/2026 15:38

O Partido Popular de Galicia condenou a vandalización de varias das súas sedes locais e provinciais e acusou á oposición de "cruzar liñas vermellas" tras aparecer carteis en que se pode ler: "PP Partido Pirómano, 17 anos queimando Galiza".

Nas imaxes, ademais, obsérvanse imaxes do presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o expresidente, Alberto Núñez Feijóo; a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e a presidenta das Novas Xeracións, Nicole Grueira.

Nun comunicado, o PPdeG informou de que as sedes vandalizadas foron, polo menos, as de Ourense e Lugo, onde comparten espazo a cidade e a provincia; así como as de Santiago de Compostela, Gondomar ou Sada. Nalgúns casos, conforme indicou, os feitos xa foron postos en coñecemento da Policía.

"Esta forma de actuar non representa a Galicia. Isto é romper co respecto, a dignidade e a educación", sinalaron os populares, que consideraron que "o vandalismo non pode disfrazarse de activismo".

Mentres que nun comunicado os populares galegos lamentan a "estratexia do independentismo galego baseada na conflitividade social" estea a provocar este tipo de consecuencias e pediron á oposición que condene firmemente estes feitos; nunhas declaracións difundidas aos medios, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, vincula a acción con Galiza Nova.

"Non é a forma de facer política en democracia, non é unha boa mensaxe para a xente nova que se quere dedicar á política", sinalou Paula Prado, que fai referencia ao BNG ao criticar que "utilice" os seus mozos, á "organización Galiza Nova" para esta acción.

Imaxe da fachada da sede do PPdeG en Lugo Imaxe da fachada da sede do PPdeG en Lugo

Neste sentido, o PPdeG subliña que "Galicia é unha terra tranquila, de sentidiño e que a súa fortaleza está precisamente na estabilidade, a responsabilidade e a proposta, non este tipo" de prácticas.

Ademais, lembrou que levan denunciando nos últimos meses o incremento das pintadas e cartelería en espazos públicos, como "se estes fosen da súa propiedade", "especialmente protagonizadas por Galiza Nova e visibles en numerosas rúas de pobos e cidades galegas".

Así, instan os responsables destes feitos a que "fagan isto nos edificios da súa propiedade e non nas sedes doutros partidos ou nos espazos públicos".

Iniciativa no Parlamento de Galicia

Os populares galegos lembran que levaron o pasado mes de setembro ao Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para "rexeitar actitudes que buscan a apropiación dos espazos públicos mediante pintadas ou empapelados con símbolos e consignas de contido ideolóxico e partidista que representan actos vandálicos". Uns actos que, argumentan, distan moito dunha "sociedade plural, libre, aberta, democrática e tolerante".

Neste sentido, e tal e como sinalou tamén a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, en declaracións difundidas aos medios, instaron a todas as forzas políticas a "non incorrer neste tipo de comportamentos e condenalos publicamente cando se produzan", xa que, conformen apuntan, estes feitos non constitúen unha forma lexítima de expresión política, senón actos que vulneran a legalidade e o respecto pola convivencia cidadá".

"Estas actitudes proxectan unha mensaxe negativa á sociedade e especialmente á mocidade, á que se debe educar na participación política libre, respectuosa e construtiva, afastada da imposición e do pensamento único e sempre dentro do marco democrático e legal", apuntaron.

PP de Santiago

Ademais, noutro comunicado remitido aos medios, o PP de Santiago sostivo que "non se trata dun feito illado", xa que o pasado 25 de novembro a sede popular xa sufriu unha vandalización e un escrache, no transcurso do cal varios compañeiros da formación "foron obxecto de agresións verbais".

"Estamos a falar dunha escalada preocupante de sinalizacións e ataques que non poden normalizarse e ante os que a señora Goretti Sanmartín demostrou ser unha covarde", trasladou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade