O PP de Feijóo frea o ascenso de Vox e alcanza o PSOE, segundo a enquisa de 40dB
O PP acadaría 108 deputados, co 25,8 por cento dos sufraxios
O PSOE conseguiría 106 escanos, co 26,2 % dos votos
Vox sería terceira forza, co 18,1 por cento das papeletas e 64 deputados

Hoxe publicouse a primeira enquisa que lle dá a vitoria ao Partido Popular de Alberto Núñez Feijóo sobre o Partido Socialista de Pedro Sánchez nunhas eleccións xerais.
Os populares conseguirían máis escanos no Congreso, aínda que quedan un pouco por baixo en votos. O PP acadaría 108 deputados e o 25,8 por cento dos sufraxios. O PSOE conseguiría o 26,2 por cento dos sufraxios e 106 escano, segundo a sondaxe de 40DB para El País e a SER.
Vox sería terceira forza, co 18,1 por cento das papeletas e 64 deputados. Unidas Podemos quedaría co 10,2 por cento e 25 escanos. Más País obtería 4 representantes e Ciudadanos, 2.
Con estes datos, o PP consegue, por primeira vez no que vai de ano, segundo este barómetro, igualar o PSOE e disputar o primeiro posto nunhas hipotéticas eleccións xerais.
A pulo do PP de Núñez Feijóo consegue tamén conter o crecemento sostido de Vox, que perde case un punto con respecto á anterior sondaxe. O partido de Santiago Abascal recibiría o 18 % dos votos, catro puntos máis ca nos comicios de 2019, e pasaría de 52 a 66 escanos.
Os socialistas recuperan sete décimas con respecto ao barómetro de abril, pero, segundo a enquisa, nas últimas semanas houbo unha desafección en parte do electorado.
Unidas Podemos perdería, segundo esta enquisa, dous puntos, e Máis País non logra recoller ese descontento, xa que perdería un dos cinco deputados que lle daba a enquisa de abril.
Ciudadanos seguiría perdendo deputados, de darse unhas hipotéticas eleccións, e pasaría dos 10 escanos das eleccións de 2019 a tan só dous.