O PP afirma que Sánchez sabía o que facía Santos Cerdán e esixe que compareza no Congreso
Junts reclama unha reunión co presidente para falar da viabilidade do seu apoio ao Goberno
Santos Cerdán segue sen entregar a súa acta de deputado
O Partido Popular asegura que Pedro Sánchez sabía o que facían José Luis Ábalos e Santos Cerdán e que o tapou, e adianta que o presidente do Goberno acabará caendo.
Tanto os populares coma ERC e o BNG esixen que Sánchez dea explicacións no Congreso sobre a presunta corrupción dos dous exsecretarios de organización do PSOE. Mentres, Junts reclama unha reunión urxente co presidente para analizar a continuidade do seu apoio ao Goberno.
O xa exsecretario de organización do PSOE Santos Cerdán segue sen rexistrar no Congreso a súa renuncia como deputado e non se espera que o faga durante a fin de semana porque este trámite só se realiza en persoa ou por delegación. Cerdán anunciou a renuncia o xoves cando se coñeceu o informe da UCO que o relacionaba co cobro de comisións na adxudicación de obras publicas. O Partido Popular asegura que Pedro Sanchez elixiu corruptos a conciencia e pide que compareza no Congreso para dar explicacións.
"Caeron tres, falta o primeiro, e non dubiden que caerá, porque o sabía todo e tapouno, como se viu na rolda de prensa da maquillaxe, é un bo actor, para que parecese que non sabía nada."
Junts, socio do Goberno, pide unha reunión con Sánchez para falar da viablidade do executivo pero insiste en que a súa prioridade é saber se o Goberno vai cumprir o pactado.
"En función desa reunión e do novo escenario decidiremos as medidas que tomaremos".
IU non descarta ningún escenario pero cre que é o momento de dialogar e tomar medidas "draconianas" contra a corrupción.
"O partido socialista ten que ir ata o final e depurar responsabilidades".
Podemos confía en que Cerdán acabe entregando a acta porque sería moi grave ver dous exsecretarios de organización socialistas no grupo mixto.
"Ten que depurar responsabilidades e ten que dicir se esta trama corrupta chegou ao Goberno".
O líder de Vox está disposto a presentar unha moción de censura se algún grupo lle presta os dous deputados que precisa.
"Estamos dispostos a liderala e a negociar a quen presentar para ao día seguinte convocar eleccións".
"Nós practicamos a tolerancia cero con esas condutas e imos chegar ata o final caia quen caia" conclúe a ministra e líder dos socialistas valencianos, Diana Morant.