O PP chama a manifestarse contra o Goberno de Sánchez o 8 de xuño en Madrid
"A degradación é total; ante unha situación así hai que dicir basta", asegura Feijóo
O presidente do PP pídelles aos socios do Goberno que sexan consecuentes e apoien unha moción de censura
.png)
O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, chamou este xoves a todos os españois que queiran mostrar o seu rexeitamento ao Goberno de Pedro Sánchez a manifestarse en Madrid o próximo 8 de xuño.
Nunha comparecencia na sede do PP, Feijóo afirmou a degradación é "total" e que "o partido, o Goberno e familia directa do presidente Sánchez están rodeados de corrupción" e "en estado de putrefacción".
O líder popular pídelle aos españois que "non normalicen unha España decadente de escándalos e corrupción" e que, xa que o presidente se nega a convocar eleccións, acudan á manifestación que o PP convocou en Madrid o vindeiro 8 de xuño contra o Goberno de Sánchez.
Feijóo pídelles aos socios do Goberno de Sánchez que sexan "consecuentes" e digan "basta". Afirma que o PSOE "mentiu" cando prometeu hai sete anos que chegaba a Moncloa para "acabar coa corrupción".
Por iso, pídelles aos partidos que o apoian que apoien unha moción de censura para desaloxar a Sánchez do Goberno. "Non depende de min. Depende dos que lle deron soporte parlamentario. Se queren acabar con isto o PP está a disposición; se non queren arrastaraos e os españois faranos cómplices da degradación", afirma Feijóo.
Á cidadanía Feijóo dille que "poden contar comigo e co meu partido" e asegura: "O cambio chegará e farao con valores. Á espera de que iso suceda nas urnas enchéndoas de votos, farémolo nas rúas da capital".