Sánchez pide ante Von der Leyen aumentar a presión a Israel con embargo e sancións
O presidente do Goberno e a presidenta da Comisión abordaron a necesidade de ampliar as interconexións eléctricas da Península Ibérica co resto de Europa, cando fai exactamente un mes do apagamento masivo

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, pediu este mércores ante a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, a suspensión do acordo de asociación da Unión Europea con Israel e a imposición de sancións que inclúan un embargo á venda de armas tras a escalada violenta deste país contra a poboación civil palestina.
Nun comunicado, o Goberno sinalou que Sánchez transmitiulle á alemá a súa preocupación pola "catástrofe humanitaria" que vive a poboación gazatí e insistido na importancia de usar sancións para aumentar a presión contra Israel para que "deteña a súa invasión ilegal". "Pedinlle que a UE se mobilice para deter a invasión ilegal de Netanyahu sobre Gaza, aplicando máis presión diplomática, suspendendo o seu Acordo de Asociación e poñendo en marcha sanciones contra Israel", escribiu en redes sociais o presidente do Goberno.
Acabo de mantener una fructífera reunión de trabajo con @vonderleyen. Hemos hablado de la guerra comercial, de la necesidad de aumentar las interconexiones eléctricas entre la Península Ibérica y el resto Europa y de la importancia de desplegar una política de vivienda ambiciosa… pic.twitter.com/QYCHKlugQl
— Pedro Sánchez (@sanchezcastejon) May 28, 2025
Nunha reunión que coincide co primeiro aniversario do recoñecemento español de Palestina como Estado, Sánchez compartiu con Von der Leyen "a súa extrema preocupación ante a catástrofe humanitaria da que a poboación gazatí é hoxe a principal vítima", segundo dixo, e instou a que se suspenda o acordo que regula a asociación entre a UE e Israel.
Precisamente este mércores a alta representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores, Kaja Kallas, dixo que a revisión do devandito pacto xa está en marcha e confiou en que poderá presentar "opcións" aos ministros de Exteriores da UE na reunión que celebrarán o 23 de xuño sobre que facer co acordo de asociación.
Ademais da situación en Oriente Medio, Sánchez e Von der Leyen abordaron a necesidade de ampliar as interconexións eléctricas da Península Ibérica co resto de Europa cando se cumpre exactamente un mes do apagamento masivo.
A conversación coincide tamén coa publicación dun informe europeo no que a Comisión constata que o nivel de interconexións enerxéticas de España e Francia, así como as de Italia e Grecia, está moi lonxe do obxectivo establecido para 2030, á vez que ve necesarios "novos esforzos" para garantir investimentos "suficientes" en infraestruturas.
Sánchez e Von der Leyen falaron ademais da guerra comercial por mor dos novos aranceis estadounidenses, na que España apoia a estratexia de Bruxelas e móstrase a favor de "manter unha resposta dos Vinte e sete baseada na unidade e na reciprocidade", segundo trasladou o presidente.
Ambos falaron tamén sobre "a urxencia de completar o acordo comercial con Mercosur e da necesidade de despregar unha política de vivenda ambiciosa desde a Comisión", sinalou o Executivo nun comunicado.
En materia de defensa, Sánchez trasladou o compromiso de España coa defensa de Ucraína e o flanco oriental europeo e explicou a Von der Leyen que o país inviste "dez veces máis que a media" dos aliados en operacións de mantemento de paz e ten despregados máis de 3.000 militares en operacións no exterior. Ademais, mostrouse favorable a "alcanzar uns obxectivos de gasto que sexan compatibles cos compromisos sociais, ambientais e multilaterais dos Estados membros".
O presidente do Goberno español tamén se viu hoxe coa vicepresidenta comunitaria, Teresa Ribera, encargada da carteira de Transición Limpa, Xusta e Competitiva. "España é e seguirá sendo un socio leal da Comisión e da Unión Europea", asegurou Sánchez nas súas redes sociais.