Calvo: "O encontrón do Goberno coas CC. AA. pola Conferencia de Presidentes é unha cortina de fume"
O conselleiro da Presidencia di que a Xunta tentará cambiar o formato e introducir "asuntos que preocupan", como o apagamento xeral ou o caos ferroviario
Diego Calvo cre que o que pretende Sánchez é ir a Barcelona "a sacar unha foto e falar do malo que é o PP"
As comunidades gobernadas polo PP meten presión o Goberno para tentar cambiar o formato da Conferencia de Presidentes, que se celebrará en Barcelona o vindeiro 6 de xuño. Queren evitar o ocorrido na última cita de Santander, cando o presidente do executivo se levantou da mesa sen debater cos mandatarios autonómicos sobre os asuntos da orde do día.
Nunha entrevista no 'Bos días' o conselleiro da presidencia, Diego Calvo, explicou que na Conferencia de Presidentes de Santander "non houbo papeis". "Cada presidente de cada comunidade autónoma facía unha intervención de dez minutos; Sánchez escoitou a todos pero non houbo interacción; simplemente deu as grazas por visitar Santander, pechou a carpeta e deixou a todo o mundo aí".
"Se son monólogos do presidente do Goberno, non fai falla que vaiamos a Barcelona, podemos facer a reunión por zoom".
As comunidades do PP, entre elas Galicia, queren evitar que todo isto se repita e se cambie o formato pero a reunión preparatoria celebrada onte rematou sen acordo: "Nós pedímoslle ao ministro que cambiase a forma, e aí xa foi o primeiro encontrón, porque dicía o ministro que o debate o dirixe o presidente. Se son monólogos do presidente do Goberno non fai falla que vaiamos a Barcelona, podemos facer a reunión por zoom".
"Nós quedamos asombrados e a conclusión que sacas é que é unha cortina de fume que quere utilizar o Goberno para falar de encontróns coas comunidades do PP e asÍ non falar doutros asuntos que preocupan e saen nos medios", afirma Calvo. "Ata o día 6 estudaremos que posibilidades temos para introducir eses asuntos e non ir alí a que Sánchez saque unha foto e non falar dos asuntos que preocupan o Goberno".
Entre os asuntos que Galicia quere introducir na orde do día figuran o caos ferroviario, o problema da ocupación de vivendas o apagamento xeral do pasado 28 de abril. Calvo lembra que un mes despois do ocorrido, o Goberno aínda non explicou as causas.
"Necesitamos saber que vai facer o Goberno e que nos digan as causas. Trátase dunha emerxencia nacional. Non é para falar co presidente? Se non o é xa me dirás de que falamos con el".