O Porriño precisa unha fazaña para meterse nas semifinais da Liga
Perdeu por 32-21 na pista do Elxe na ida dos cuartos de final
O sábado afrontará a ida da final da EHF European Cup diante do Valur de Islandia

O Conservas Orbe Zendal Porriño precisa unha fazaña para meterse nas semifinais da Liga Guerreras. Na ida dos cuartos de final perdeu na pista do Elxe por 32-21, un resultado contundente e que vai ser moi difícil de recuperar no Municipal do Porriño.
E iso que comezaron ben o partido as galegas que dominaban aos vinte minutos por 7-9. Nos últimos dez minutos do primeiro tempo non conseguiron marcar ningún gol e chegouse ao descanso cun 11-9.
A desfeita chegou no segundo tempo, desastroso en defensa do Porriño. O Elxe anotou goles cunha gran facilidade e foi aumentando a vantaxe conforme pasaban os minutos. Nin os trocos, os tempos mortos ou os movementos defensivos frearon a hemorraxia. O Elxe estabilizou a diferenza nos oito goles (20-12) e na parte final do partido chegou a ter unha máxima vantaxe de doce (31-19). Ao final foron once goles de diferenza a prol do equipo alacantino e o Porriño, centrado na final da EHF European Cup, terá moi difícil recuperarse na volta.