O Porriño perde en Valladolid pero salva a diferenza de goles
Perdeu por 28-23 pero marcou no último minuto o gol que salva a vantaxe nun empate a puntos ao final do campionato
O Conservas Orbe Rubensa Porriño perdeu na pista do Aula de Valladolid (28-23) pero conseguiu salvar a diferenza de goles que lle darían vantaxe nun empate final a puntos. As imprecisións en ataque e uns malos últimos minutos impediron que puideran loitar pola vitoria.
O Aula comezou mandando no partido (7-4) pero as porriñesas conseguiron recuperarse e empatar (9-9). As diferenzas eran mínimas pero sempre a prol do equipo local que conseguiu marchar ao descanso dous goles arriba (15-13).
No segundo tempo sucedéronse os empates. Un bo comezo permitiulle igualar a Porriño (16-16) e as igualadas foron constantes ata o 20-20. Con eses vinte goles quedaron as galegas durante moitos minutos, algo que aproveitou o Aula para facer un parcial de 5-1 e sentenciar o partido.
No treito final o Aula chegou a igualar a diferenza de goles particular (gañara o Porriño por seis goles) pero o último tanto de Aitana Santomé salvou esa posibilidade para o Porriño.