O Porriño remonta cinco goles nun ateigado Municipal e mantén a final aberta (29-29)
Cun parcial de 5-0 no inicio da segunda parte serviulles ás galegas para empatar
A final da European Cup decidiráse no partido de volta, o sábado que vén en Islandia
O Conservas Orbe Zendal Porriño e o Valur islandés empataron (29-29) nun partido de ida da final da European Cup que deixa todo aberto para a volta dentro dunha semana en Islandia.
O encontro dominárono as visitantes en todo momento no marcador, pero a súa vantaxe nunca pasou dos cinco goles. Na primeira metade as porriñesas aguantaron unha desvantaxe de dous tantos durante moitos minutos. No treito final, o Valur abriu unha fenda de catro, coa que se chegou ao intervalo.
No inicio da segunda metade as de Isma Martínez pasaron polo seu peor momento cun 13-18 que deixaba as cousas moi difíciles. Pero foi aí cando sacaron a súa mellor versión, cun parcial de 5-0 que igualaba o choque. No treito final mantívose a alternancia, e Mica Casasola facía o 28-27, que lle daba vantaxe ás locais. Dous goles das islandesas volvían adiantalas pero, nunha gran última xogada, Mica facía o seu gol número 10 do partido, o empate a 29 definitivo. Todo se decidirá en Islandia.