O Pontevedra rabuña un punto de Riazor
Abelenda adiantou o Pontevedra ao comezo da segunda metade
O Deportivo non estivo brillante pero empatou grazas ao gol de Soriano no 87
Deportivo e Pontevedra empataron en Riazor (1-1). Acariñou o triunfo o equipo pontevedrés que foi por diante durante moitos minutos e mesmo tivo ocasións á contra para facer o segundo. Pero no 87 Mario Soriano conseguiu marcar o gol do empate definitivo.
Non foi unha boa primeira parte no aspecto ofensivo. Poucas ocasións se xeraron grazas á disposición dun Pontevedra que soubo frear o fútbol de ataque do Dépor.
Ao pouco de principiar a segunda metade chegou o tanto de Abelenda, á saída dun córner. Foron os mellores momentos no partido para os de Antonio Fernández. Seguros atrás e con ataques moi perigosos. Ao Deportivo custáballe xerar perigo pero tivo ese pulo final no que acadou o gol do empate.