O Pontevedra perde en Linarejos cun gol a dous minutos do final
Os granates houberon ser o primeiro equipo en puntuar no campo do Linares
O Pontevedra quedou ben preto de ser o primeiro equipo en sacar algo dun feudo inexpugnable como é Linarejos. Alí o Linares seguirá contando os partidos por vitorias, logo de decidir este cunha acción concreta, unha cabezada de Samu Corral a dous minutos de cumprirse o tempo regulamentado.
O certo é que, durante o partido, o equipo galego tivo boas ocasións de adiantarse, pero non estivo atinado de cara á porta. Tamén pediu na segunda metade un penalti sobre Rufo, pero o árbitro optou por invalidar a xogada por posición de fóra de xogo. No treito final, e co xogo xa máis trabado, cos dous equipos pensando no empate, ía chegar a xogada clave. Foi no minuto 88, cando Samu Corral enviaba o balón á rede desatando a tolemia en Linarejos.