O Pontevedra non pode co Marino (0-0) e adía o asalto ao liderado
Os granates seguen igualados co Numancia, que empatou co Llanera
O Pontevedra non puido tirar partido do traspé do Numancia, que deixara fuxir dous puntos pola mañá ante o Llanera, nun encontro que os sorianos dominaban por 3-1 no minuto 89. Nesta particular pelexa polo liderado que manteñen estes dous equipos, e que terá o seu punto culminante o 19 de marzo vindeiro cando se enfronten en Pasarón, segue a igualdade máxima. E é que o conxunto galego tamén rematou con empate o seu encontro desta xornada.
En Luanco viuse un partido con poucas ocasións. O Pontevedra levou a iniciativa durante a primeira metade e parte da segunda, pero sen crear ocasións claras. Estas chegaron mediada a segunda metade, con senllos remates locais que salvou Edu Sousa, especialmente o segundo á saída dun córner.
Un dos atractivos era o da volta a Luanco de Miguel Cuesta, incorporación invernal do Pontevedra. O futbolista gozou dalgunha ocasión desde a banda esquerda, e tamén Álex González. Pero o encontro non deixou goles. O conxunto galego suma a terceira saída consecutiva sen marcar, pero suma tamén un punto máis que o mantén como colíder do Grupo.