Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Pontevedra non pode co Bilbao Athletic en Pasarón (1-3)

O Pontevedra non pode co Bilbao Athletic en Pasarón (1-3)

Os granates volvían ao seu feudo, no que perderon outra vez case un ano despois da última derrota local

O filial adiantouse 0-2 ao descanso, e a expulsión de Rui Pedro cortou a reacción local tras o gol de Compa

Foto: @PontevedraCFSAD
G24.gal 12/09/2026 19:04

O Pontevedra volveu perder na casa case un ano despois da última derrota. E foi na terceira xornada da Liga, logo de gañar os seus dous primeiros partidos. 

Os de Rubén Domínguez víronse sorprendidos por un Bilbao Athletic que chegaba tamén invicto, con catro puntos, pero no que Bittor Llopis revolucionou o once con sete cambios, e dándolle entrada a varios xuvenís. Un deles, Imga, foi un auténtico pesadelo para os galegos. Asociándose con Sarasketa, o seu compañeiro de banda que tamén entraba no equipo, protagonizou as primeiras ocasións dos vascos entrando desde a esquerda. A primeira sacoulla Marqueta. A segunda cravouna na escadra para facer o primeiro gol da tarde. Ía media hora de xogo, pero antes do descanso chegaba unha nova labazada. Desta volta, centraba Sarasketa e rremataba cunha cabezada espectacular Vizkay, adiantándose a Álvaro para meter o 0-2.

Rubén Domínguez revolucionou o seu equipo con catro cambios ao descanso. E dous dos homes de refresco participaban no 1-2 aos dous minutos. Centraba Argos e, despois de tocar Mba, remachaba á rede Compa. Álex Comparada foi o gran argumento da reacción granate. Dispuxo doutras dúas claras ocasións, un remate cruzado que sacaba a córner Mikel Santos, e un mal control cando marchaba diante do porteiro.

Cando mellor estaba o Pontevedra, chegou a expulsión de Rui Pedro que frustrou a reacción. O lateral revolveuse na banda diante de Larrea, pero impactou no técnico visitante e viu o cartón vermello. Cun home menos, o Pontevedra seguiu coa posesión, pero non era quen de crear ocasións claras. Unha caída de Reda empuxado por Lete non foi merecedor de penalti segundo o árbitro. E, á contra, acabou chegando o 1-3, nun ataque de Vizkay, que lanzou e Huesta para que asistira a Conde, que deixou pechado o triunfo do filial en Pasarón. O campo do Pontevedra volveu ver unha derrota 363 días despois.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade