O Pontevedra golea ao Athletic B (4-0) e achégase ao play off
Os granates asegurarán a súa praza se acadan tres puntos máis
Foto: @PontevedraCFSAD
O Pontevedra mallou ao Athletic B en Pasarón e queda a unha vitoria de certificar matematicamente a súa presenza na promoción de ascenso á Segunda División.
O cadro galego buscou a vitoria desde o inicio, e fíxolle dano polos costados ao Athletic B. Así chegaron as primeiras boas ocasións, e tamén o gol de Miguel Cuesta, que aproveitaba no punto de penalti un pase desde a dereita de Rubén López para abrir a conta no minuto 20.
Seguiu o guión do partido, e Cuesta volveu xerar a ocasión, desta volta desde a esquerda, antes de que Yelko Pino gozase doutra gra ocasión desde a frontal, doutra volta desde a dereita.
O Pontevedra tiña o partido controlado, pero a vantaxe era mínima e o Athletic non renunciaba a crear perigo. E así chegou un remate de Barandalla desde a dereita que chapou con seguridade Marqueta; e outro do mesmo xogador que saíu rexeitado a córner. Barandalla estaba en todas e, no engadido da primeira metade houbo unha revisión por un posible penalti deste sobre Diego Gómez que non foi sinalado. O árbitro mantivo a súa decisión, córner a prol do Pontevedra, e á saída do mesmo ampliou diferenzas o cadro local cun gol de Resende.
O 2-0 encarreiraba o camiño da vitoria do Pontevedra, que podía xogar con tranquilidade a segunda metade. O Athletic B buscou meterse no partido. Pero, no minuto 60, outra xogada similar significaba a sentenza. Un centro de Diego Gómez desde a dereita cabeceábao Yelko Pino para asinar o 3-0. E, no medio da festa local, sumouse Adrián Expósito cun auténtico golazo, por toda a escadra, para pechar a melleira e presentar oficialmente a candidatura do Pontevedra ao play off de ascenso.