Non haberá galegas na final da Supercopa tras a eliminación de Poio e Burela
O Poio Pescamar non puido co Futsi (1-2) e quedou fóra da final da Supercopa
O Burela FS foi superado totalmente polo Melilla (2-6), que será o outro finalista
Comezou a disputa da Supercopa de España de fútbol sala feminino en Móstoles. Unha competición á que acudían dous equipos galegos. Pero ningún deles vai estar na final.
O Poio Pescamar quedou apeado na primeira semifinal. Foi nun disputado partido diante do Futsi Navalcarnero.
As madrileñas adiantáronse na primeira metade. Era o minuto 13 cando María Sanz aproveitaba unha gran acción de Anita Luján pegada á liña de fondo para marcar o primeiro tanto do partido.
Tardou en reaccionar o conxunto galego, pero púxose mans á obra e acadou o empate no minuto oito da segunda metade. Laura Uña colleu o balón na frontal e, despois de dar a volta, marcou de disparo cruzado. Unha gran acción persoal para deixar a eliminatoria igualada.
Pero as galegas ían recibir outro mazazo do que xa non foron quen de repoñerse. Asestoullo Laura Córdoba. Outra vez asistía Anita Luján, nun saque dende o curruncho, e a xemelga voleou desde a frontal para anotar o 2 a 1 que xa foi definitivo. Buscou aínda o empate o Poio con porteira xogadora, pero o Futsi meteuse na final con esa vitoria mínima. O Poio, eliminado da Supercopa.

Na outra semifinal houbo menos de historia. O Melilla, líder da Liga e adestrado polo galego Morenín, non lle deu opción ao Burela. No minuto 15 xa gañaba por 0-4, despois dos goles de Amandinha, Nega, Juliana e Jane. As da Mariña tardaron 18 minutos en inaugurar o marcador. Fíxoo Carolina Pedreira, pero foi un espellismo e, antes do descanso, Bia Souza establecía o 1-5.
Na segunda metade o equipo galego intentou reducir a diferenza de todos os xeitos, pero as melillenses defenderon a renda con comodidade, e aproveitaron unha recuperación para que Ana Luiza marcara o 6º. So puido maquillar o resultado Dany co 2-6 definitivo. Melilla-Futsi, final da Supercopa de Móstoles.