Publicador de contidos

Publicador de contidos

A duración da baixas condicionará o plus de produtividade dos médicos de familia do Sergas

A duración da baixas condicionará o plus de produtividade dos médicos de familia do Sergas

Os Acordos de Xestión que o Sergas asina con cada área inclúen, por primeira vez, os tempos das IT como factor a baremar no plus

Os grupos da oposición critican que se pague máis aos médicos por recortar o tempo das baixas laborais

Arquivo (Europa Press) Arquivo (Europa Press)
G24.gal 21/05/2026 12:29

Os médicos de familia do Sergas recibirán un plus de produtividade se as baixas dos seus pacientes non exceden o que se determina como "duración estándar".

Esta medida responde a uns dos obxectivos recollidos nos Acordos de Xestión que o Servizo Galego de Saúde firma con cada área sanitaria e que, por primeira vez este ano, inclúe os tempos das incapacidades temporais.

Aínda que algúns puntos difiren segundo a área sanitaria, en termos xenerais, estes acordos recollen as medidas que o departamento sanitario pretende impulsar, tales como os programas de cribado, a investigación e a prescrición mínima de medicamentos xenéricos, entre outras.

Fontes consultadas por Europa Press detallan que, a cada peche de ano, faise unha avaliación dos obxectivos -cada un cun peso determinado na baremación- para o pagamento do complemento de produtividade.

Este ano, por primeira vez, entre eses obxectivos para recompensar está o control da duración dos procesos de incapacidade temporal.

Segundo explican as fontes consultadas, cada proceso comporta un tempo estándar de baixa. Que o paciente exceda esa marxe estándar é o que se pretende evitar.

Con todo, apuntan que isto é complicado de medir, posto que moitas baixas non "dependen" deles -se se necesitan probas complementarias, por exemplo-, ademais de que a evolución de cada paciente pode ser diferente.

A oposición denuncia que a Xunta pague máis a médicos por dar altas

Os grupos da oposición, PSdeG e BNG, denunciaron que a Xunta vaia pagar máis aos médicos que dean as altas tras unha incapacidade laboral antes duns topes máximos de tempos establecidos, unha "deriva perigosa" e un "ataque gravísimo" ao dereito á saúde, advertiron.

Na Comisión de Sanidade celebrada este xoves, a deputada do PPdeGalicia Noelia Pérez defendeu unha iniciativa do seu partido, que aínda non se votou, para instar o Goberno central a adoptar medidas normativas "reais" para afrontar o abstentismo laboral, un "problema estrutural" ante o que a Xunta xa puxo en marcha un plan de choque para endurecer a revisión das baixas laborais.

O deputado do BNG Ramón Fernández Afonzo criticou esta "campaña de criminalización dos traballadores de baixa" que emprendeu a Xunta, na que non só "persegue" as persoas que se atopan de baixa laboral, senón tamén aos médicos para que lles dean a alta "antes de estar recuperadas".

Tamén a deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta criticou esta "deriva perigosa" do PPdeG que pretende convencer de que hai "unha epidemia de fraude masiva" coas baixas laborais, en lugar de mellorar as condicións de saúde e seguridade laboral, ou reducir as listas de espera sanitarias, que son os factores nos que socialistas e nacionalistas instaron a incidir.

Fronte a estes argumentos, Noelia Pérez argumentou que "o modelo actual de xestión das baixas está crebado en toda España" ante o que a Xunta "deixou de mirar para outro lado e tomou unha decisión valente" de actuar poñendo en marcha "un plan de choque pioneiro".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade